Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aprobou a ordenación urbanística de Viveiro ata a entrada en vigor do novo planeamento

VIVEIRO .- O Consello da Xunta aprobou un decreto polo que se modifica a ordenación provisional, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

REFERENCIA

A XUNTA DE GALICIA APROBA O DECRETO POLO QUE SE MODIFICA A ORDENACIÓN URBANÍSTICA PROVISIONAL DO CONCELLO DE VIVEIRO

*   Nas condicións xerais de edificación, permítese a construción de semisotos que non sobresaian máis dun metro en calquera das rasantes do terreo en contacto coa edificación
* Aceptaranse corpos voados pechados sobre as vís ou espazos púlicos
* A ocupación máxima da parcela polo edificio limítase en 200 metros cadrados, exceptuando desta limitación as vivendas unifamiliares entre medianeiras
*  Prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, así como a ampliación dos existentes, sen prexuízo do establecido na lexislación aplicable ás estradas de titularidade estatal ou autonómica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou hoxe no Consello da Xunta o Decreto polo que se modifica a ordenación provisional aprobada no Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

O Concello de Viveiro solicitou á Xunta de Galicia a modificación dunha serie de puntos da Ordenación Urbanística Provisional (OUP) ao apreciar certos defectos e obstáculos para aplicar o citado decreto. Este municipio propuxo cambios no planeamento, que tras ser analizados pola Comisión Superior de Urbanismo, foron aceptados polo Goberno galego.

En primeiro lugar, as mudanzas inciden nas condicións xerais de edificación, permitindo a construción de semisotos que non sobresaian máis dun metro en calquera das rasantes do terreo en contacto coa edificación. Tamén se posibilita a construción de ata dous sotos, sempre que non sobresaian en ningún punto da rasante natural do terreo en contacto coa edificación.

En segundo lugar, modifícase a ordenanza de solo urbano de baixa densidade, cuxa aplicación se vincula aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal. A novidade reside en que, a partir de agora, se aplicará tamén no caso de terreos situados en conxuntos edificatorios que se deban completar cunha edificación en continuidade cunha soa medianeira. A ocupación máxima da parcela polo edificio limítase en 200 metros cadrados, exceptuando desta limitación as vivendas unifamiliares entre medianeiras.

En terceiro lugar, introdúcense cambios na ordenanza de solo urbano de media densidade, de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal. A citada aplicación tamén se realizará no caso de terreos enmarcados en conxuntos edificatorios que se deban completar cunha edificación en continuidade cunha soa medianeira.

En canto ás condicións específicas de edificación, cabe citar que nas cubertas se mantén en vigor o establecido na modificación puntual da normativa urbanística municipal das normas subsidiarias de planeamento municipal. Ademais, o fondo máximo edificable é de 18 metros nas plantas altas.

A altura máxima permitida, en número de plantas, será a media das alturas das dúas edificacións lindeiras. No caso de que a diferenza de altura sexa de só unha planta, a altura máxima permitida será a do edificio contiguo de menor altura.

No que se refire a voos, permitiranse corpos voados pechados sobre as vías ou espazos públicos. As modificacións tamén recollen a posibilidade de galerías ou balcóns coas seguintes condicións: que estean a unha altura maior de 3,60 metros por riba da rasante da rúa, medidas desde o punto máis desfavorable; nas rúas de largo inferior a 8 metros, non se permiten; e nas rúas con largo superior a 8 metros, os saíntes poden acadar 1/20 do largo da rúa, e a dimensión non pode exceder os 1,20 metros. En calquera caso, o corpo voado deberá estar recuado como mínimo 0,30 metros desde o plano do bordo e 0,25 desde a medianeira.

En cuarto lugar, no eido dos equipamentos e dotacións, proponse unha altura máxima de 4 plantas ou a que requira a instalación xustificada; recuamentos mínimos de 5 metros en todos os lindeiros; condicións de parcelación cunha superficie edificable máxima de 50%.

En quinto lugar, no que se refire ao sistema viario, prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, así como a ampliación dos existentes, sen prexuízo do establecido na lexislación aplicable ás estradas de titularidade estatal ou autonómica. Non obstante, enténdese que se poderán autorizar nelas obras de urbanización. Cando se trate de terreos clasificados como solo rústico ou non urbanizable, será de aplicación o réxime establecido para o solo rústico de especial protección de infraestruturas que inclúe o dominio público e os terreos contiguos ata a liña límite de edificación.

En sexto lugar, modifícase o artigo 7.1, correspondente ao solo de núcleo rural. No texto, agora di “aplícase a presente ordenanza aos núcleos rurais…” onde anteriormente se negaba esa aplicación.

Finalmente, no artigo 12, relacionado co Parque Empresarial de Landrove, corríxese un erro textual do decreto anterior: onde dicía 80/2002, agora di 80/2000.

Antecedentes

Cómpre sinalar que mediante o Decreto 102/2006, do 22 de xuño e ao abeiro do disposto no artigo 96 da Lei 9/2002 (LOUGA), do 30 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia suspendeu a vixencia do planeamento de Viveiro e fixou a ordenación urbanística provisional (OUP).

Exit mobile version