Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo anuncia que as obras da nova praza de San Cibrao comezarán en setembro

CERVO .- Esta mañá tivo lugar no Concello de Cervo a presentación aos medios de comunicación dos detalles do proxecto construtivo da futura praza e área de ocio-esparexemento que o Concello ten previsto construír na vila de San Ciprián.

Durante o encontro cos xornalistas, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, indicou que as pretensións do grupo de Goberno local é recuperar o nome orixinario da área e denominar á nova infraestrutura “Praza dos Campos”. De cumprirse os prazos previstos, as obras de construción deste novo espacio público poderían estar en marcha no mes de setembro. “A nosa intención é deixar pasar os meses de verán para comezar cos traballos de adecuación do terreo aló polo mes de setembro” indicou o rexedor.

O custe total da obra será de 1.051.000 euros e o seu financiamento corre ao 100% a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través de dúas axudas concedidas ao consistorio (de 900.000 euros e 151.000 euros respectivamente). A este respecto o rexedor agradeceu a colaboración económica prestada pola Xunta de Galicia “para que este proxecto no que levamos traballando dende hai moitos anos, poida ser por fin unha realidade dentro de pouco”.

Á hora de deseñar o proxecto, os responsables municipais tiveron coma obxectivo facer deste espacio “o lugar de tódolos veciños e o escenario no que todos poidan desenvolver actividades de lecer e esparexemento”. Para elo plantexáronse varios obxectivos coma a creación dunha gran praza pública na que se poida desenvolver a vida social.

Outro aspecto importante recollido no proxecto foi cubrir a falta de espazos ao aire libre para a práctica de actividades deportivas e lúdicas nos que se poda facer deporte dun xeito lúdico e sen necesidade de programación previa, como acontece actualmente coas infraestruturas deportivas actualmente existentes. Así mesmo se crea unha zona de xogos para os máis pequenos debidamente acondicionada que complementa e interactúa coas zonas de esparexemento e deporte “e que xustifica así aínda máis a súa razón de ser como espazo aberto de vida pública e actividade social” indicou o alcalde.

Outro aspecto a destacar é a creación de 30 novas prazas de aparcamento nesa zona, moi próxima á praia e que durante a tempada de verán adoecía deste tipo de dotacións para os vehículos de visitantes e veciños. Ademais, o proxecto contempla tamén a humanización da Rúa das Figueiras, “para convertela no eixe de comunicación entre a futura praza, a Casa do Mar e o parque Reina Sofía”. A construción da nova área traerá consigo tamén a renovación de todas as canalizacións e redes de servizos básicos da zona afectada.

Segundo o alcalde cervense, para o equipo de Goberno local a consecución desta obra é “a materialización dun soño” consistente en construír “un espazo urbano capaz de axudar a relacionarnos e a realizar actividades, a descansar e a pasear”. Villares tamén sinalou que á hora de acometer o deseño da área optouse por “abandonar calquera tipo de cuestións banais” e se optou por quedarse co esencial. “Tratouse de propoñer unha praza sobria, pero transcendente baseada en formas útiles e en técnicas axeitadas para satisfacer a súa función fundamental: o seu uso e o disfrute por parte dos cidadáns”.

Exit mobile version