- Con motivo da celebración do Mercado Renacentista, o servizo de recollida de lixo no casco histórico de Viveiro sufre modificacións a partires deste xoves
Debido á instalación dos postos, non será posible realizar o sistema habitual de «quita e pon», polo que se instalarán contedores fixos nos puntos indicados no plano elaborado para tal fin. Ademais, colocaranse contedores de reforzo nas seguintes localizacións: Praza Maior. Rúa Irmáns Vilar Ponte. Rúa Fernández Victorio. O Concello agradece a colaboración da veciñanza e do sector hostaleiro no uso responsable dos contedores, recollida de residuos xerados nos espazos cedidos, así como que estes espazos sexan mantidos en condicións axeitadas.
- Fin de semana de música e teatro con motivo do segundo aniversario da Taberna Galiana, aproveitando tamen a distinción de Solete Repsol do restaurante
O sábado a partir das 21h espectáculo de narración oral a cargo de Lîlâ Teatro coa obra "Estremonías da Silva" e á súa finalización, música tradicional con Os Carricantos. O domingo, toca sesión vermut da man de José Brea & Miguelón a partir das 13h, para disfrutar dun aperitivo antes do xantar. Como sempre, acompañado das tapas de Galiana e do mellor ambiente.
- Ángela Alcántara Coto, Marcela Pérez-Magdalena Villar, Eduardo Veiga Otero, e Antonio Florín Parlogea, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, recibiron o premio MEGAU 2025
Trátase dunha homenaxe que as universidades públicas galegas en colaboración coa Consellería de Educación renden ao estudantado con mellores expedientes de Galicia nas probas de acceso á universidade, sendo necesario acadar nota igual ou superior a 8,5 na fase xeral da PAU. O acto celebrouse na Universidade de Vigo o pasado 20 de xuño, onde lles foron entregados os diplomas que os acreditan como alumnado sobresaínte. Dende o IES de Ribadeo, parabéns aos homenaxeados polos resultados acadados e tamén a tódolos compañeiros e compañeiras que superaron a PAU polo esforzo realizado.
- Falece un motorista en Lugo
A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia permitiu activar un operativo de emergencias, aínda que nada puido facerse por salvarlle a vida. Segundo a información facilitada polo alertador, o accidente produciuse pasadas as oito desta mañá na N-VI, no punto quilométrico 503, en Lugo. Indicou que foi a moto o único vehículo implicado no sinistro e que, tras a caída, o condutor quedou tendido sobre a vía. Para facilitar a asistencia médica, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Sen embargo, nada puido facerse por salvarlle a vida ao motorista, xa que, apenas uns minutos máis tarde confirmouse o seu falecemento.
- O grupo dos maiores de Cervo Concilia fixo este mércores unha saída á praia para recoller tesouros naturais: cunchas, area, pedras e outros materiais especiais
De volta no obradoiro, estes verdadeiros artistas puxeron toda a súa creatividade para elaborar preciosos marcos personalizados. Cada marco é único, feito con moito agarimo e cun anaquiño da nosa costa.
- O alumnado de 6º curso de Educación Primaria do Colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, celebrou cun evento o seu paso á ESO
No acto estiveron acompañados das súas familias e das titoras, Vanesa e María Julia. “A partir de setembro afrontan a última etapa no Colexio Sagrado Corazón, espéranos novos coñecementos e experiencias. Moita sorte”, dixo a directora do centro, Begoña Sanjurjo.
- I Campus de Verán de Waterpolo en Cervo
Está a celebrarse do 1 ao 5 de xullo na piscina municipal o primeiro campus de verán de waterpolo, dirixido a deportistas federados que queren aprender e gozar deste deporte nun ambiente divertido e formativo, en colaboración coa FEGAN e que conta coa visita de profesionais deste deporte, que comparten a súa experiencia e coñecementos cos participantes.