Os deputados do Grupo Provincial Popular pediron a axuda das institucións europeas para que Lugo deixe de estar á marxe das grandes redes de comunicación e transporte “e así permitir que a provincia deixe atrás a súa desconexión e teña oportunidades reais de crecemento”
Lugo, 17 de outubro de 2026. Os deputados do Grupo Provincial Popular trasladaron no Parlamento Europeo a súa preocupación pola falta de infraestruturas de comunicacións na provincia de Lugo e polas consecuencias que esta situación ten para a súa conectividade, a competitividade das empresas e o desenvolvemento económico e social da provincia e de todos os municipios.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destacou a necesidade de que “Europa coñeza a realidade dunha provincia que está a quedar fóra das principais planificacións estatais en materia de transporte e mobilidade”.
Durante as xuntanzas mantidas no Parlamento Europeo, os deputados populares reclamaron o amparo e o apoio de Europa para facer fronte a unha situación que “é preocupante no eido ferroviario, das mercadorías e das comunicacións por estrada”.
“Lugo está a quedar desconectada das grandes redes de transporte e iso ten consecuencias directas para o noso futuro. Necesitamos que Europa coñeza esta realidade e nos axude a defender as infraestruturas que a provincia precisa”, destacou Ameijide.
LUGO, FÓRA DO CORREDOR ATLÁNTICO DE MERCADORÍAS
Un dos principais motivos de preocupación é a exclusión de Lugo da planificación do Corredor Atlántico para o horizonte 2030. Tras analizar o Plan Director para Galicia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, “constatamos que a provincia non figura no mapa desta infraestrutura estratéxica para o transporte de viaxeiros e mercadorías, a loxística e a conexión dos principais nós urbanos europeos”.
Cómpre recordar que o Corredor Atlántico, xunto co Corredor Mediterráneo, forma parte das grandes redes de transporte que conectan a Península co resto de Europa, polo que quedar fóra desta planificación supón un risco para a capacidade de Lugo de atraer investimentos, facilitar o transporte de mercadorías e ofrecer ás empresas condicións competitivas para desenvolver a súa actividade.
“No mapa das grandes infraestruturas de transporte, Lugo non pode seguir sendo unha provincia invisible. Quedar fóra destas redes significa perder oportunidades e dificultar que as nosas empresas poidan competir en igualdade de condicións con outras localizacións”, sinalou.
A exclusión das principais redes ferroviarias e loxísticas pode agravar o illamento territorial e limitar as posibilidades de crecemento dos sectores produtivos da provincia, polo que “reclamamos que as necesidades de Lugo se teñan en conta na planificación estatal e europea, cun calendario de actuacións e investimentos que permita mellorar a conexión cos mercados e cos principais centros económicos”.
UN FERROCARRIL QUE NON RESPONDE ÁS NECESIDADES DA PROVINCIA
Antonio Ameijide tamén denunciou as carencias da conexión ferroviaria de Lugo. Ameijide lembra que a provincia continúa sen unha conexión de alta velocidade e que o trazado actual da liña Ourense-Lugo non permite manter os 160 quilómetros por hora de media establecidos para os trens de viaxeiros, unha velocidade que só se alcanza como máximo en determinados tramos.
O voceiro popular recorda que o Goberno de Sánchez deixou nun caixón a execución das variantes de Os Peares – Canabal e Rubián, actuacións “imprescindibles” para reducir os tempos de viaxe e mellorar as prestacións da conexión ferroviaria.
Outro dos puntos que destacaron os deputados populares son a ausencia de conexións ferroviarias coas provincias limítrofes, “o que dificulta moito o acceso a outras cidades”.
MÁIS CONEXIÓNS AÉREAS E INVESTIMENTOS NAS ESTRADAS
A desconexión de Lugo tamén se manifesta nas comunicacións aéreas. Como exemplo, Antonio Ameijide referiuse ás dificultades para desprazarse a Bruxelas, un destino ao que anteriormente se podía viaxar en voo directo e para o que agora é necesario realizar unha escala en Barcelona.
Para o voceiro popular esta situación evidencia as dificultades que existen para garantir conexións áxiles entre Galicia e os centros de decisión europeos.
No referente ás autovías, os populares reclamaron máis investimentos tanto na construción de novas autovías como na conservación da rede existente. Entre as infraestruturas pendentes, destacaron a finalización da A-54, que unirá Lugo con Santiago, a A-56, que permitiría conectar Lugo e Ourense; a A-74, a autovía da Mariña, e a A-76, que uniría Ponferrada, Monforte e Ourense.
A estas carencias engádese a falta dunha preocupación real polo mantemento das estradas xa existentes, cuestión fundamental para garantir a seguridade viaria e unhas comunicacións adecuadas tanto para os veciños como para os profesionais e as empresas.
RECLAMAN QUE EUROPA ESCOITE A LUGO
Os deputados do Grupo Provincial Popular destacaron que todas estas carencias forman parte dun problema de conectividade que vai máis alá das infraestruturas: afecta á capacidade da provincia para atraer actividade económica, facilitar a mobilidade dos seus habitantes e competir en igualdade de condicións con outros territorios.
“Se queremos que Lugo teña futuro, necesitamos boas comunicacións. As empresas precisan transportar as súas mercadorías, os traballadores necesitan desprazarse e os cidadáns teñen dereito a contar con conexións eficaces. Non podemos conformarnos con que a provincia quede á marxe das grandes redes que van determinar o desenvolvemento económico das próximas décadas”, sinalou.
Antonio Ameijide rematou a súa intervención no Parlamento Europeo reclamando que Lugo deixe de ocupar unha posición secundaria na planificación estatal das comunicacións e que se abran novas oportunidades para a súa integración nas redes europeas de transporte. “Pedimos que Lugo conte, que se teñan en conta as necesidades da nosa provincia e que se poñan en marcha as infraestruturas imprescindibles para garantir a súa competitividade e o seu desenvolvemento”, sentenciou.















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



