Site icon Crónica3.com A Mariña

Di o BNG que o proxecto de praza no Rivera Casás desaproveita o espazo para servizos públicos

NOTA DE PRENSA:
O SOÑO DE VILLARES PARA O ESPAZO DO RIVERA CASAS E MAIS CEMENTO, GRAVA, FORMIGÓN E ASFALTO PARA UN ESPAZO QUE DEBERÍA SER DE CONVIVENCIA SOCIAL

O goberno local desaproveita a ocasión de ter nun mesmo espazo unha gardería, unha residencia de anciáns e unha gran praza pública que darían cohesión social e dinamismo ao centro de San Cibrao

Os nacionalistas darán a coñecer á cidadanía unha proposta alternativa que non desaproveite as oportunidades económicas e sociais do espazo do Rivera Casas.

Cervo, 4 de xullo de 2010. O BNG dará a coñecer a toda a cidadanía cervense un proxecto alternativo á propostas da alcaldía para o espazo que hoxe ocupan as instalacións do colexio Rivera Casas. Neste boletín explicarase mediante medios gráficos a posibilidade de compatibilizar a apertura de espazos públicos e de ocio coa permanencia de instalacións sociais como unha gardería e a construción do centro de día e residencia para maiores no centro do pobo que evite a perda de espazo deportivo na Veiga e conxunte nun mesmo espazo usos sociais e de ocio xerando dinamismo social e económico no centro de San Cibrao.

Demoler o centro de infantil do Rivera Casas e levar o Centro de Día Residencia á zona deportiva da Veiga e desaproveitar recursos, espazos dotacionais e medios económicos

O BNG rexeita as intencións do goberno local de demoler a totalizade das infraestruturas existentes no espazo que hoxe ocupa o Rivera Casás. Para os nacionalistas non se entende como podendo converter os edificios de infantil do Rivera Casas nunha gardería, isto non se fai así e prefírese meter a piqueta de demolición nunha infraestrutura xa existente que podería funcionar a pleno rendemento a curto prazo.

Do mesmo xeito consideran que o Centro de Día Residencial debería construírse neste espazo xa que o lugar elixido pola alcaldia ademais de estar na periferia, fará perder preto de 2.000m2 de superficie deportiva nas instalacións do campo de fútbol municipal da Veiga e apartará aos mais maiores do centro neurálxico de San Cibrao e por tanto do disfrute dos paseos marítimos, parque, comercio e hostalería local.

O BNG acusou a Villares de “matar moscas a cañonazos” ao entender que os proxectos da alcaldía pasan por demoler o Rivera Casas “a calquera prezo”, sen pensar nas oportunidades tanto económicas como sociais que permite un espazo urbano destas características. Os nacionalistas indicaron que 1 millón de euros na súa maior parte para demolicións, formigón, grava, asfalto e granito non e un bo exemplo de xestión de diñeiro público en época de crise xa que non axuda nin á cohesión social, nin ao aproveitamento de espazos e recursos, nin tampouco á dinamización do comercio e a hostalería local.

E perfectamente compatíbel a construcción dunha gran praza que atenda as necesidades existentes coa existencia de infraestruturas sociais que revitalizarían a actividade social en San Cibrao.

Compatibilizar nun mesmo espazo de mais de 6.000m2 cunha residencia de anciáns de nova construción cunha superficie segundo o proxecto de 2.000m2 e unha gardería xa construída con espazos ao aire libre que ocupa 600m2, permite un sobrante de mais de 3000m2 para unha praza pública ou outros usos ofrecendo un espazo de convivencia e dinamismo social e económico a San Cibrao. Neste sentido os nacionalistas farán chegar ao conxunto da cidadanía cervense unha proposta alternativa mediante a edición dun boletín que usará medios gráficos que fagan visíbel esta idea. Para o BNG os recursos públicos deben usarse con racionalidade e eficacia aproveitando as oportunidades sempre en beneficio do conxunto da veciñanza.

Exit mobile version