Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Infraestruturas visitou a zona donde o concello creará unha praza en San Cibrao

CERVO .- Na visita que realizou o martes o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas á comarca visitou San Cibrao “para coñecer da man do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, os pormenores do proxecto de construción da nova praza e área de ocio-esparexemento que o consistorio ten previsto iniciar á volta do verán”

Nota de Prensa
HERNÁNDEZ APROVEITOU A SÚA VISITA Á MARIÑA PARA COÑECER OS DETALLES DA FUTURA PRAZA DOS CAMPOS DE SAN CIPRIÁN

* O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicoulle sobre o terreo ao titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o proxecto da nova área de ocio e esparexemento

Cervo, 7 xullo de 2010.- Na tarde de onte, trala súa estadía en Xove, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández desprazouse ata a vila de San Ciprián para coñecer da man do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, os pormenores do proxecto de construción da nova praza e área de ocio-esparexemento que o consistorio ten previsto iniciar á volta do verán.

Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias e do parlamentario mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro. A construción da nova praza, cuxo nome será “Praza dos Campos”, enmárcase dentro do programa “Hurbe” promovido polo Goberno autonómico. Ten un custe de 1.051.000 euros e o seu financiamento corre ao 100% a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través de dúas axudas concedidas ao consistorio (de 900.000 euros e 151.000 euros respectivamente).

Alfonso Villares aproveitou a breve estadía do conselleiro Hernández para lembrarlle que o Goberno local pretende “crear un espazo urbano para o uso e goce dos seus habitantes que sexa capaz de axudar a que as xentes de tódalas idades podan relacionarse entre si e contribuír así a mellorar a súa calidade de vida”.

A superficie comprendida polo ámbito de actuación desta nova praza é  de 6.470 metros cadrados. A praza, substituirá os edificios e outros espazos que actualmente ocupan a parcela, coa finalidade de que o dito espazo se poidan desenvolver actividades de ocio e espallamento ademais doutras ao aire libre como o mercado semanal, xogos infantís e prácticas deportivas.

A acción consiste no deseño espacial que recolle dúas zonas de arboredos a modo de boulevard, formados por unha aliñación de árbores que se sitúan paralelas aos edificios existentes, xerando un espazo estático destinado ao repouso. Tamén quedará un gran espazo central, localizado entre ambas as aliñacións de árbores, cunha clara vocación dinámica para o desenvolvemento das citadas actividades.

A actuación tamén prevé crear, entre a rúa das Figueiras e a rúa Beiramar, espazos destinados a albergar actividades deportivas, zona de xogos infantís e unha área destinada a albergar 30 novas prazas de aparcadoiro público.

As accións necesarias máis destacables centraranse na execución de pavimentos, utilizando materiais tan diversos como o formigón, asfalto, granito, céspede e grava. Tamén se implantará a rede de  saneamento, proxectando un sistema de separativo, mediante a renovación de redes de fecais, que dá servizo á edificación existente tanto na praza como na rúa das Figueiras.

Os traballos prevén a instalación da rede de distribución de auga potable, complentándose con bocas de rega e incendio que sexan necesarias. Tamén se colocará a subministración eléctrica, alumeado público e telefonía.

Exit mobile version