Site icon Crónica3.com A Mariña

100.000 libros á fogueira

No pasado curso escolar a Xunta de Galicia cambiou o modelo de préstamo de libros no ensino obrigatorio que puxera en vigor a anterior Xunta e que se iniciara xa na Xunta de Fraga. Este modelo consistía en que os libros eran propiedade do centro escolar que llos prestaba ao alumno durante o curso escolar. Deste xeito, os mesmos libros eran empregados ata catro cursos escolares consecutivos, o que supoñía un aforro importante. Dito sistema ademais de máis austero tiña unha importante faceta educativa para os alumnos, no respecto e uso dun material que tiña que devolver.

Como decía, este modelo mudouno a Xunta de Feijoo, por outro en que os libros mércaos o alumno e son propiedade del, subvencionando a Xunta ás familias segundo o nivel de renda, aínda que preto da metade das familias non receben axudas xa que os niveis propostos son baixos. Modelo coñecido polo eufemismo de “gratuidade solidaria”. Este modelo tivo moitas críticas de diversos sectores educativos, posto que, non fai efectiva a gratuidade do ensino obrigatorio e supuxo un paso atrás na educación en Galicia.

De todos os xeitos, no presente curso escolar, conviven os dous sistemas, xa que os alumnos de terceiro e cuarto de Primaria e algúns cursos de ESO usan aínda os libros que son propiedade dos centros. A novidade é que a entrada en vigor da nova Lei do plurilingüismo no ensino fai obrigatorio que as Matemáticas se impartan en castelán, sendo preciso que todo o material esteña tamén nesa lingua.

Deste xeito, todos os alumnos de terceiro e cuarto de Primaria e de ESO recibirán en préstamo todos os libros, excepto o de Matemáticas, que teñen a eiva de estar en galego. Así que algo máis de 100.000 libros non poderán ser usados por estar escritos en galego e as familias terán que mercar o mesmo libro, pero eso sí, escrito en castelán.

Así que as familias terán que gastar máis de 3 millóns de euros en mercar libros novos para repoñer aqueles que están en galego. E por certo, houbo que sacar outra liña nova de axudas para as familias, que suporá un gasto absolutamente innecesario, xa que nos centros hai libros, e os máis de 100.000 libros en galego irán parar ás fogueiras.

Este é un exemplo do emprego espúreo da palabra máis na boca no actual goberno galego, a palabra “austeridade”.

J. Pedro Chao Polo

Exit mobile version