Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Grumir de Burela e de Cervo apagaron un lume nunha vivenda da rúa Río Xunco en Burela

Nota de prensa

ALFREDO LLANO VISITARÁ  ESTA TARDE Á FAMILIA AFECTADA POLO INCENDIO REXISTRADO ESTA MADRUGADA NA SÚA VIVENDA. DÚAS PERSOAS FORON TRASLADADAS AO HOSPITAL DA COSTA POR INHALACIÓN DE FUME.

Burela, 3 de novembro de 2010. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, visitará esta tarde o inmoble no que se rexistraba un incendio esta madrugada e á familia afectada. Unha parella tivo que ser trasladada ao Hospital da Costa por inhalación de fume. Todo apunta a un cortocircuito como a posible causa que orixinou o lume nun piso do nº 4 da rúa Río Xunco.

Llano, que se atopa de viaxe en Santiago, sinalou que “o incendio se iniciou no corredor da casa, posiblemente por un cortocircuito, e alí queimáronse unha lámpara, unha mesa camilla e outros enseres máis”.  O rexedor explicou que “o fume se extendeu por todo o piso e iso causou bastante alarma. A rápida actuación dos Grumir de Burela e de Cervo foi decisiva e enseguida controlaron e extinguiron o lume”.

O alcalde de Burela subliñou que “últimamente se están a producir sustos deste tipo por culpa do gas ou de cortocircuitos, polo que hai que extremar as precaucións nas nosas casas para evitar que poidamos sofrir un incendio. Desde o Grumir din que os lumes ás veces se producen por unha sobrecarga nas tomas de corrente”.

Llano engadiu que “non houbo que lamentar desgracias persoais, aínda que dúas persoas precisaron atención hospitalaria por inhalación de fume, aínda que non hai porque preocuparse. Pola tarde achegaréime ata o inmoble para ver cómo quedou todo e visitarei á familia afectada para ver cómo están e qué me poden contar. Tragaron moito fume e viviron momentos de desconcerto, porque todo o mundo tenta salvar o máximo posible do seu piso nunha situación así”.

Exit mobile version