Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova organiza a Festa da Mocidade en Burela con musica, campionato de futbolín e de FIFA 11, repichocas, concertos e conferencias

NOTA DE PRENSA

Musica, campionato de futbolín e de FIFA 11,repichocas,concertos e conferencias centran a programación.

Burela acolle o 17 e 18 de Decembro a súa primeira Festa da Mocidade

A Mariña, 9 de decembro de 2010. A localidade de Burela acollerá os vindeiros 17 e 18 de Decembro a súa primeira Festa da Mocidade, organizada pola asociación xuvenil Galiza Nova, que pretende ser un espacio de ocio e cultura para todos os mozos e mozas do Concello así como para os do conxunto da Mariña. Segundo Senín González, portavoz en Burela do colectivo organizador, “a festa xa cumpriu o seu primeiro obxectivo, posto que na súa preparación contamos coa colaboración de moitos mozos e mozas do Concello, e ademais tratase dunha proposta que parte da mocidade sen ningún tipo de dirixismo nin dependencia institucional e porque tamén evidenciou que en Burela hai moita xente con ganas de facer cousas. É máis esta festa racha co tópico que se pretende facer da mocidade para criminalizala e representa que a mocidade reclama o seu protagonismo fora do paternalismo”. Neste sentido desde o colectivo organizador en primeiro lugar queren convidar ao conxunto dos mozos de Burela e da Mariña a que participen destas xornadas ás que tamén se sumarán outros rapaces  procedentes doutros puntos de Galiza.

O programa de actos comezará cunha conferencia que se celebrará o Venres 17 ás 20:30 no Salón de Conferencias da Antiga Biblioteca e que correrá  a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios. Fernández Pacios, licenciado en historia pola USC, é autor dunha ampla bibliografía sobre A Mariña na Idade Media e na Idade Moderna e nesta ocasión falará sobre “Pedro Bolaño, a Burela da Baixa Idade Media”. Nas  palabras de Senín González “esta conferencia vai ser un percorrido polo Burela do século XIV e XV, período do que existe abondosa documentación sobre a nosa vila, e na que a mesma aparece vinculada a este fidalgo tan importante da historia de Galiza como é Pedro de Bolaño, xenro de Pardo de Cela, e que sería o fundador do primeiro Porto de Burela. Alén do contido da charla, isto tamén desbota mitos ou falsidades de que Burela é un Concello sen historia, pois os únicos pobos que carecen dela son aqueles que non a estudan ou escreben”. A Xornada do venres rematará cunha festa-repichoca no Bar de Fuco, no que actuará o grupo burelán Dambara, que se iniciará a partir das 22:30 e que pretende mostrar aos asistentes de fora as actividades de creación no Concello e tamén xuntar a mocidade arredor da festa e do ocio.

As actividades do sábado 18 darán comezo ás 17:00h e realizaranse na Casa da Xuventude(antigo parvulario) onde se celebrará un campionato de futbolín e un torneo  de FIFA 11 aberto a todos os mozos, cuxa inscrición é gratuíta habendo premios para os catro primeiros clasificados de cada un dos torneos. Segundo Senín González quen convidou a participar destes torneos “aquelas persoas que desexen participar deben inscribirse antes do venres 17 ben no correo: gnamarinha@gmail.com ou enviando un privado polo tuenti ben chamando por telefone ao número 671-85-99-06”. Asemade  a entrega de premios levarase a cabo na festa concerto que se celebrará a partir das 22:00h na Discoteca El Cairo”. Neste sentido desde a organización anunciaron que a partir das 22:00h a Discoteca El Cairo acollerá unha Festa Concerto con cea a base de petiscos e que terá como prato forte un concerto que se celebrará a partir das 12 da noite no que actuarán o grupo Coruñés “Trapallada” e o grupo de Burela “Torques”. Segundo indicou Senín González “tanto un grupo como outro son de sobra coñecidos na escena musical galega, musica de estilos diferentes, mais que son representativos da creatividade e das novas tendencias musicais de Galiza. Queremos con este concerto pasalo ben, pero sobre todo divulgar as nosas expresións artísticas, algunhas das cales teñen dificultades para chegar ao público. Estamos seguros que non van defraudar a ninguén”.

Xa por último desde a organización do evento mostráronse convencidos de que esta primeira edición da Festa da Mocidade que nace cunha vocación de permanencia a bo seguro que tamén vai ser un revulsivo para actividade comercial e hoteleira de Burela pois a maiores da xente da zona que se desprace a Burela a participar das actividades tamén contamos cun importante número de persoas doutros puntos de Galiza que confirmaron a súa presenza nestes actos.

Exit mobile version