- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou este luns nos actos programados polas Festas do Oito, que chegan ao seu remate en Ferreira do Valadouro
A celebración está organizada pola asociación cultural Ourofest coa colaboración do Concello do Valadouro e conta co apoio do Goberno galego. Villares participou na celebración litúrxica, que contou coa actuación do coro da Escola de Música ‘Ao Compás do Río Ouro’, e compartiu coa veciñanza esta xornada festiva de especial arraigo na localidade.
- Como é tradicional, as festas de San Ramón e Santa María de Vilalba acolleron na súa derradeira xornada o tradicional Día das Parroquias
Nesta ocasión, a homenaxeada foi a de Román. Tras unha recepción ás portas do concello, a veciñanza da parroquia desprazouse a pé ata a Igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol. Na misa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, realizáronse as ofrendas e púxose en valor a tradición “dos canteiros e os traballos en pedra” en Román, unha parroquia cun destacado patrimonio histórico e cultural. Tras a celebración na igrexa, os veciños e veciñas de Román compartiron uns pinchos de fraternidade no Centro Cultural.
- Desde este luns e ata o venres, 18 de setembro, ambos incluídos, permanecerá cortado ao tráfico un treito da estrada provincial LU-P-2604 debido ao inicio dos traballos de fresado e posterior aglomerado e quente na vía, que comunica Xove con Valcarría
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
- O deputado Daniel García achegouse ao festival Osa do Mar de Burela, que se celebrou este fin de semana en Burela e que conta un ano máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
- Acisa colabora un ano máis coa comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
- O deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, participou no L Concurso-Exposición de gando vacún da localidade, onde a Deputación de Lugo levou catro xovencas da Granxa Gayoso Castro que se venderon por unha media de 3.475 euros
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.
- O documental Basal, un docu-disco escrito e dirixido por A Pedreira e realizado por Óscar Górriz, presentarase o xoves 10 de setembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Foz
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.