A Plataforma mariñá na Defensa da Sanidade Pública chama a mobilizarse o 3 de xuño “Contra os recortes e a privatización da sanidade pública”.
A Plataforma mariñá integrada en SOS Sanidade Pública secunda a mobilización convocada para o próximo domingo en Compostela
A Plataforma mariñá critica o peche no vrao dun 18% nas camas existentes no Hospital da Costa polos recortes de persoal que incrementará as listas de agarda.
A redución de camas anunciada polo SERGAS durante o vrao suporá incremento nas listas de agarda como xa sucedeu o ano pasado no que o Hospital da Costa encabezou as listas oficiais.
A Plataforma criticou os recortes de financiamento da Xunta de Galiza que impide a substitución de persoal por vacacións durante o vrao e teñen como consecuencia a redución nun 18% nas camas no Hospital da Costa anunciado esta fin de semana. Dende a Plataforma cualificaron de “decisións graves” que o hospital da Costa, “que segue ocupando os postos de cabeza nas listas de agarda oficiais” sexa o que mais reduce o número de camas e lembraron que esta medida xa se tomou o ano pasado e situou ao hospital mariñao no punto mais alto nas listas de agarda oficiais de todo o sistema sanitario público galego, con 111,4 días nas agardas cirúrxicas e no sexto posto nas agardas por primeira consulta con 68,5 días. A Plataforma considera que nun hospital como o de Burela, onde son evidentes as necesidades urxentes de ampliación en dotacións, infraestrutura e persoal, non se poden tomar este tipo de medidas xa que a consecuencia é o colapso do sistema.
Na Mariña hai que estar alerta xa que a Xunta segue coas súas intención de aplicar o Decreto de Xestión Integrada pendente de aprobar en Lugo.
Dende a Plataforma lembraron que a o Decreto de Xestión Integrada xa aprobado para áreas sanitarias de Pontevedra, A Coruña e Ourense, rematou coa autonomía de xestión de áreas sanitarias no O Barbanza ou no Barco de Valdeorras e ficou paralizado na provincia de Lugo polas importantísimas m0obilizacións sociais da Mariña e Monforte. A publicación o pasado 18 de maio da orde pola que se aproba o Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS confunde “interesadamente ” a xestión integrada dos recursos en Lugo das tres áreas sanitarias da provincia. Ademais na mesma orde ábrense portas á mobilidade do persoal para cambialo de áreas sanitarias en función das necesidades asistenciais polo que advertiron que na Mariña “non son tempos para baleirar o servizo sanitario senón xustamente o contrario”.
Hai motivos sobrados para mobilizarse e acudir o próximo domingo a Compostela en defensa da sanidade pública.
1º.- Acaba co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurad@”, deixando fora as e aos que non reunan esa condición.
2º.- Deixa fora da atención sanitaria a inmigrantes non regularizad@s, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora ás persoas maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
3.- Reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago(repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes afectarán especialmente ás mulleres.
4.- Establece un sistema de copagos que afectan esencialmente a pensionistas e enferm@s crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensábeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
5.- Inclúe un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada de prestacións farmacéuticas da carteira base, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
6.- Incorre en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galiza, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o noso Estatuto de Autonomía.
7.- Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade do servizo prestado.
8.- Privatiza a xestión das áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.
EXISTEN MOTIVOS SOBRADOS PARA PORLLE FREO A ESTAS MEDIDAS.