A Plataforma mariñá na Defensa da Sanidade Pública chama a mobilizarse o 3 de xuño “Contra os recortes e a privatización da sanidade pública”.
A Plataforma mariñá integrada en SOS Sanidade Pública secunda a mobilización convocada para o próximo domingo en Compostela
A Plataforma mariñá critica o peche no vrao dun 18% nas camas existentes no Hospital da Costa polos recortes de persoal que incrementará as listas de agarda.
A Mariña, 29 de maio de 2012. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña secundará a mobilización convocada por SOS Sanidade Pública o próximo domingo 3 de xuño en Compostela e anuncia que porá a disposición dos veciños e veciñas da comarca autobuses nos que poderán anotarse nos teléfonos 680406515 ou 636500651. A Plataforma mariñá mantén que existen motivos sobrados para esta mobilización xa que as medidas de recorte tomadas polo goberno central, coa complicidade da Xunta de Galiza, introducen cambios fundamentais no sistema sanitario público e atentan contra a universalidade, a accesibilidade, a equidade e o carácter redistributivo da sanidade pública ademais de entremeterse gravemente nas competencias transferidas á Xunta de Galiza en materia sanitaria.
A redución de camas anunciada polo SERGAS durante o vrao suporá incremento nas listas de agarda como xa sucedeu o ano pasado no que o Hospital da Costa encabezou as listas oficiais.
A Plataforma criticou os recortes de financiamento da Xunta de Galiza que impide a substitución de persoal por vacacións durante o vrao e teñen como consecuencia a redución nun 18% nas camas no Hospital da Costa anunciado esta fin de semana. Dende a Plataforma cualificaron de “decisións graves” que o hospital da Costa, “que segue ocupando os postos de cabeza nas listas de agarda oficiais” sexa o que mais reduce o número de camas e lembraron que esta medida xa se tomou o ano pasado e situou ao hospital mariñao no punto mais alto nas listas de agarda oficiais de todo o sistema sanitario público galego, con 111,4 días nas agardas cirúrxicas e no sexto posto nas agardas por primeira consulta con 68,5 días. A Plataforma considera que nun hospital como o de Burela, onde son evidentes as necesidades urxentes de ampliación en dotacións, infraestrutura e persoal, non se poden tomar este tipo de medidas xa que a consecuencia é o colapso do sistema.
Na Mariña hai que estar alerta xa que a Xunta segue coas súas intención de aplicar o Decreto de Xestión Integrada pendente de aprobar en Lugo.
Dende a Plataforma lembraron que a o Decreto de Xestión Integrada xa aprobado para áreas sanitarias de Pontevedra, A Coruña e Ourense, rematou coa autonomía de xestión de áreas sanitarias no O Barbanza ou no Barco de Valdeorras e ficou paralizado na provincia de Lugo polas importantísimas m0obilizacións sociais da Mariña e Monforte. A publicación o pasado 18 de maio da orde pola que se aproba o Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS confunde “interesadamente ” a xestión integrada dos recursos en Lugo das tres áreas sanitarias da provincia. Ademais na mesma orde ábrense portas á mobilidade do persoal para cambialo de áreas sanitarias en función das necesidades asistenciais polo que advertiron que na Mariña “non son tempos para baleirar o servizo sanitario senón xustamente o contrario”.
Hai motivos sobrados para mobilizarse e acudir o próximo domingo a Compostela en defensa da sanidade pública.
1º.- Acaba co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurad@”, deixando fora as e aos que non reunan esa condición.
2º.- Deixa fora da atención sanitaria a inmigrantes non regularizad@s, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora ás persoas maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
3.- Reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago(repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes afectarán especialmente ás mulleres.
4.- Establece un sistema de copagos que afectan esencialmente a pensionistas e enferm@s crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensábeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
5.- Inclúe un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada de prestacións farmacéuticas da carteira base, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
6.- Incorre en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galiza, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o noso Estatuto de Autonomía.
7.- Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade do servizo prestado.
8.- Privatiza a xestión das áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.
EXISTEN MOTIVOS SOBRADOS PARA PORLLE FREO A ESTAS MEDIDAS.