Na recepción celebrada esta mañá na Deputación de Lugo acompañaron á deportista lucense a súa nai e máis unha representante da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.
Antonio Veiga aproveitou a ocasión deste recoñecemento para darlle os parabéns polo metal acadado e felicitar tamén á federación deportiva xa que está a facer un intenso traballo, con moitos deportistas lucenses colleitando triunfos a nivel internacional.
Segundo explicou Antonio Veiga “sempre é un motivo de ledicia ter a ocasión de felicitar aos nosos deportistas cando acadan triunfos nas súas carreiras, e máis aínda cando son deportistas tan novos e con tanto futuro por diante. Isto é síntoma de que o deporte lucense funciona desde a base, algo do que nos enorgullecemos posto que desde a Área de Deporte da Deputación sempre pulamos de xeito especial por dinamizar o deporte de base. Entendemos que o deporte de base é un dos piares do benestar dunha sociedade e por iso tratamos de poñer os cimentos desde abaixo, apoiando a todos os clubs e asociacións deportivas que promoven a actividade física e deportiva nas comarcas lucenses”.