Lugo, 1 de xullo de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, recibiu esta mañá á deportista lucense Aroa Freije Torneiro, que vén de acadar a medalla de bronce no Campionato de Europa Cadete celebrado en Minsk, Bielorrusia. Nesta competición participaron máis de 100 deportistas de 20 países.
Na recepción celebrada esta mañá na Deputación de Lugo acompañaron á deportista lucense a súa nai e máis unha representante da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.
Antonio Veiga aproveitou a ocasión deste recoñecemento para darlle os parabéns polo metal acadado e felicitar tamén á federación deportiva xa que está a facer un intenso traballo, con moitos deportistas lucenses colleitando triunfos a nivel internacional.
Segundo explicou Antonio Veiga “sempre é un motivo de ledicia ter a ocasión de felicitar aos nosos deportistas cando acadan triunfos nas súas carreiras, e máis aínda cando son deportistas tan novos e con tanto futuro por diante. Isto é síntoma de que o deporte lucense funciona desde a base, algo do que nos enorgullecemos posto que desde a Área de Deporte da Deputación sempre pulamos de xeito especial por dinamizar o deporte de base. Entendemos que o deporte de base é un dos piares do benestar dunha sociedade e por iso tratamos de poñer os cimentos desde abaixo, apoiando a todos os clubs e asociacións deportivas que promoven a actividade física e deportiva nas comarcas lucenses”.