Despois de seis días dende o grande apagamento seica vanse clarexando algunhas dúbidas a respecto da hipotética existencia dun ciberataque ou calquera outra caste de ataque exterior. Semella, pola contra, que as causas alicérzanse na falla de axuste da moi aumentada produción renovábel, nomeadamente solar, a respecto das capacidades limitadas de almacenamento e estabilización da mesma por un sistema falto de investimentos e modernizacións esenciais. A loita polo relato atópase arestora na disputa de se as distribuidoras privadas (que tamén colonizan os postos medios e medio altos de REE, a xestora estatal do sistema eléctrico ) son responsábeis, por omisión dos precisos investimentos, destes problemas de estabilización e almacenamento ou se o goberno do estado é o responsábel por lle dar moito pulo á produción renovábel sen esixir ou prover simultaneamente estas solucións de estabilización (vía nucleares segundo o PP e mailo lobby desta enerxía) ou almacenamento.
Mais dende Portugal e Galicia os expertos están xa a ollar cara ás particulares características do sistema ibérico de produción e distribución eléctrica como responsábeis deste grande apagamento. O goberno portugués decidiu recuperar a xestión do seu sistema eléctrico, suspendendo o intercambio de enerxía co estado, disque temporalmente. Por outra banda , dende Galicia ponse o foco na desaquelada estrutura, ao tempo illada e centralista deste sistema ibérico de xeración e distribución de enerxía eléctrica. Por unha banda case desvencellado do resto das redes europeas. Por outra banda baseando a garantía do consumo na área de Madrid e outras non produtoras en custosos sistemas de transporte que lles levan a electricidade dende as afastadas infraestruturas que posibilitan a produción.
O sistema eléctrico español está artellado sobre un esquema centralista, como o sistema radial das estradas españolas dende os primeiros Borbóns do século XVIII ou o actual sistema en rede da alta velocidade ferroviaria, refractaria aos eixos mediterráneo, cantábrico ou atlántico. O sistema eléctrico español é a expresión máis requintada dese Estado que adoita criticar Anxo Quintana: o Estado cun único cerebro que-seica- é quen de albiscar todo e decidir todo, no canto do moito máis democrático e eficiente Estado en rede. Porque REE é un monopolio estatal (maquillado a medio da saída a Bolsa do 80% do capital sen ningunha caste de dereitos políticos, monopolizados polo goberno de Madrid) que subordina toda a produción (esa produción da que Galicia achega case o 9% estatal, malia ter pouco máis do 5,4% do PIB) ás necesidades dese deep state estado centralista que prioriza devolverlle a luz a Madrid no canto de llela devolver a Galicia, produtora e exportadora por volta do 40% da enerxía eléctrica que produce.
Xa que logo, o modelo eléctrico español alicérzase en facer depender toda a poboación peninsular do estado dunha única chave, por resumirmos o cadro .E mesmo no caso dun apagamento, ese estado e ese deep state (da que os cadros directivos de REE son un nidio exemplo) castiga unha Galicia seica destinada ao sacrificio enerxético (producir en grande medida para as necesidades doutros, mesmo xerando elevados custos ambientais, de saúde pública e tamén de subordinación doutras actividades económicas localmente máis beneficiosas) neste modelo que pariron para beneficiar a outros territorios.
Entón, cómpre abrirmos o grande debate da autonomía enerxética de Galicia. Un debate, evidentemente, no que hai que falar de priorizarmos a produción a carón do consumo a respecto do transporte, mais, por riba de todo, a necesidade de sermos, polo menos cosoberanos, a respecto do noso sistema de produción e distribución eléctrica. Un sistema que haberá estar conectado cos restantes sistemas europeos, mais que non pode permitir que, sufrindo as resultas dun exceso de produción ao que non se nos deixa tirar proveito, perdamos a subministración por non termos a chave do aparello e sexamos os derradeiros en recuperala.
Por certo, saben vostedes algo do que pensa o presidente Rueda e o PPdeG deste grave problema? Supoño que, sexa como for, terán que lle preguntar á ponla de dereitas dese deep state que, canda a ponla de esquerdas do mesmo, definiron esta e outras tantas estruturas estatais pensadas sempre na recentralización do estado e nos intereses do capitalismo do BOE contra dos intereses galegos.

















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



