Este acto puxo o punto e final aos Enredos de verán 2013, unha iniciativa de conciliación laboral e familiar que se vén ofrecendo nos últimos anos na época estival pero que se ten ampliado tamén a outros períodos vacacionais como o Nadal e a Semana Santa, sempre co obxectivo de axudar ás familias e ao mesmo tempo ofrecer unha alternativa de lecer e aprendizaxe para os pequenos.
Os Enredos van gañando adeptos edición tras edición, de forma que este verán aumentou considerablemente a afluencia con respecto ao verán pasado. “Pensamos que os Enredos son unha aposta moi importante pola conciliación, pero tamén polo entretemento e a educación dos nenos e nenas, polo que traballamos para ofrecer actividades novas en cada edición que esperten a súa creatividade e ao mesmo tempo lles permitan obter coñecementos” explica Armada.
Nesta edición tamén se fixo notar a compoñente didáctica, xa que a idea da viaxe imaxinaria polos cinco continentes incluíu xogos pero tamén a asimilación de nocións sobre distintos países como Suíza, Australia, China, Italia, Canadá, Rusia ou a India. Cabe destacar ademais que nesta ocasión Educación decidiu prolongar os Enredos ata a primeira semana de setembro, de forma que se deu un paso máis nese obxectivo da colaboración coas familias.