Cervo, 6 de setembro de 2013- O Concello de Cervo clausurou este mediodía os Enredos de verán nos que estiveron participando uns 75 nenos e nenas ao longo de dez semanas. Unha festa de despedida na que os cativos viron un resumo de todas as actividades destes meses, nos que realizaron unha viaxe imaxinaria polo mundo. Ao mesmo tempo participaron en xogos e nun baile que rematou coa entrega de agasallos para todos.
Este acto puxo o punto e final aos Enredos de verán 2013, unha iniciativa de conciliación laboral e familiar que se vén ofrecendo nos últimos anos na época estival pero que se ten ampliado tamén a outros períodos vacacionais como o Nadal e a Semana Santa, sempre co obxectivo de axudar ás familias e ao mesmo tempo ofrecer unha alternativa de lecer e aprendizaxe para os pequenos.
Os Enredos van gañando adeptos edición tras edición, de forma que este verán aumentou considerablemente a afluencia con respecto ao verán pasado. “Pensamos que os Enredos son unha aposta moi importante pola conciliación, pero tamén polo entretemento e a educación dos nenos e nenas, polo que traballamos para ofrecer actividades novas en cada edición que esperten a súa creatividade e ao mesmo tempo lles permitan obter coñecementos” explica Armada.
Nesta edición tamén se fixo notar a compoñente didáctica, xa que a idea da viaxe imaxinaria polos cinco continentes incluíu xogos pero tamén a asimilación de nocións sobre distintos países como Suíza, Australia, China, Italia, Canadá, Rusia ou a India. Cabe destacar ademais que nesta ocasión Educación decidiu prolongar os Enredos ata a primeira semana de setembro, de forma que se deu un paso máis nese obxectivo da colaboración coas familias.