O Deputado de Promoción Económica e Social e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico, Artístico e Normalización Lingüística presentaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a proba cicloturista que se celebrará o próximo 27 de setembro
Lugo, 18 de setembro de 2025. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico, Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández, presentaron xunto ao Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e o técnico de Deportes do Concello, Enrique Fernández, a XI Ruta dos Lobos que se celebrará o próximo sábado, 27 de setembro, no municipio fonsagradino. A institución provincial colabora con esta proba deportiva, que reunirá a preto de 300 ciclistas de montaña de Galicia e doutras comunidades, como Madrid, Pais Vasco ou Asturias, coa súa promoción e difusión.
Rivera Capón definiu a cita cicloturista como “todo un referente para a nosa provincia” ao tempo que sinalou que “une deporte, natureza, convivencia e promoción do territorio, porque esta carreira é unha oportunidade para redescubrir o noso rural e para poñer en valor a súa beleza”.
Resaltou ademais o papel da organización e o voluntariado “que fan posible que este evento medre ano a ano” e puxo en valor “a súa contribución ao desenvolvemento económico e social. Cada persoa que vén participar ou acompañar xera vida no territorio: nos negocios locais, nos aloxamentos, na restauración… É un impulso real para a economía e unha mostra de que o rural ten recursos, ideas e talento para ofrecer”.
Así mesmo, sinalou que “actividades coma esta proxectan a imaxe da Fonsagrada e de toda a comarca máis alá das súas fronteiras, mostrando que somos un territorio dinámico, con iniciativas atractivas e cunha gran calidade de vida”. Rematou Pablo Rivera reiterando o “apoio e compromiso” da institución provincial coa Ruta dos Lobos para que continúe sendo “un exemplo de como o deporte e o turismo poden ir da man co desenvolvemento do rural, o respecto pola natureza e o orgullo da nosa identidade”.
Pola súa banda, Carlos López López apuntou que “grazas a colaboración da Deputación de Lugo levamos xa once edicións da Ruta dos Lobos” e destacou que con este evento “damos a coñecer unha parte da nosa paisaxe a tamén a nosa gastronomía”. Recoñeceu tamén o esforzo de todas as persoas que fan posible que se desenvolva esta proba e avanzou que haberá 50 voluntarios e voluntarias.
Características da ruta
A undécima edición da Ruta dos Lobos sairá ás 11:00 horas da Praza do Concello e rematará neste mesmo punto. Ao igual que en anteriores edicións o evento contará con dous percorridos segundo o nivel de dificultade: un itinerario longo de 45 quilómetros e 1.750 metros de desnivel positivo; e outro de 35 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo.
Os dous percorridos transcorrerán polas ribeiras do río Porteliño e o Lamas e pasarán por lugares emblemáticos da Montaña lucense como a Seimeira de Vilagocende e as aldeas de Naraxa, Silvela, Aldomán, Pereira ou Paradanova, entre outras. Ademais, haberá dous punto de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada.
Os deportistas interesados en inscribirse poden formalizar a súa solicitude a través da páxina web https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3097/xi-ruta-dos-lobos-a-fonsagrada ata o luns 22 de setembro. Como xa é habitual ao remate desta proba as persoas que o desexen poden asistir á cea na que ofrecerán produtos típicos deste municipio da montaña.




























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.


