Site icon Crónica3.com A Mariña

Rosa Quintana: “Con Expomar 2014, Burela vai ser un referente para a náutica pesqueira de toda España”

presentacion-expomar-2014Santiago, 22 de abril de 2014.- A localidade mariñá de Burela vaise converter os vindeiros días 8 e 9 de maio nun “referente para a náutica pesqueira de toda España”, coa celebración da vixésimo primeira edición das xornadas técnicas “Expomar 2014” e do décimo quinto encontro empresarial de organizacións pesqueiras.

Así o considerou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación destes eventos, que tivo lugar este martes en Santiago.

Rosa Quintana salientou que as xornadas técnicas estarán dedicadas, unha vez máis, a dous temas interesantes e de actualidade, como son por un lado as consecuencias das normas comunitarias na regulación da pesca e por outro a sustentabilidade pesqueira.

En canto á primeira cuestión –a aplicación das normas comunitarias–, a conselleira valorou que se analicen, desde a tripla perspectiva da Administración, a investigación e as organizacións pesqueiras profesionais, asuntos tan importantes como as tripulacións mínimas ou a utilización práctica do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

En relación co segundo tema das xornadas –a sustentabilidade pesqueira–, Rosa Quintana dixo que abranguerá aspectos como a normativa europea sobre descartes, as áreas mariñas protexidas como ferramentas de xestión de ecosistemas sostibles ou as experiencias no sector neste eido.

A conselleira felicitou aos organizadores por ser quen de xuntar neste evento as opinións e experiencias de persoas especializadas nestas cuestións e dixo que deste xeito se poñen “os alicerces para que o sector obteña froitos positivos, porque é así como entre todos –sector, administración e científicos– conseguiremos o éxito, como garantiremos a pervivencia e a mellora desta actividade pesqueira tan esencial para Galicia e que é a razón de ser de Burela”.

A titular de Medio Rural e Mar destacou tamén a importancia da xuntanza empresarial como “punto de encontro das organizacións de toda Galicia cos representantes doutras comunidades autónomas e, por suposto, coas federacións de confrarías”.

Exit mobile version