Na presentación, este martes, na Casa da Cultura Manuel María, do Correlingua da Mariña, estiveron presentes representantes dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos de Foz, o alcalde deste concello, Javier Jorge Castiñeira, e a coordenadora do Correlingua na Mariña.
O inicio da “carreira” en defensa do galego será na praia de Llas, ás 11 da mañá, percorréndose, a seguir, un treito da costa e do centro da vila, para acabar con un concerto no porto. Esta festa final será conducida pola actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!, e actuará a banda Colectivo Bomba. Tamén haberá colaboracións de alumnas e alumnos dos centros IES Perdouro e IES Marqués de Sargadelos. Alumnado do CEIP nº 1 lerán o manifesto.
Para esta edición do Correlingua, o Concello de Foz editou un díptico especial, con información do percorrido e lugares do concello que merece a pena visitar.
O lema escollido para este ano é Galego, o paso adiante en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no inesquecíbel Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. Pois ben, neste ano en que se cumpre o 1º centenario do nacemento do escritor, o Correlingua quere responder desde o presente que avanzamos coa nosa lingua, porque o galego é un deses pasos adiante que citaba o poeta.
O Correlingua iniciouse, como todos os anos, no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.