Foz, 13 de maio de 2014-. A edición 2014 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, comezou o luns 5 de maio en Pontevedra e rematará en Foz o próximo 16 de maio.
Na presentación, este martes, na Casa da Cultura Manuel María, do Correlingua da Mariña, estiveron presentes representantes dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos de Foz, o alcalde deste concello, Javier Jorge Castiñeira, e a coordenadora do Correlingua na Mariña.
O inicio da “carreira” en defensa do galego será na praia de Llas, ás 11 da mañá, percorréndose, a seguir, un treito da costa e do centro da vila, para acabar con un concerto no porto. Esta festa final será conducida pola actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!, e actuará a banda Colectivo Bomba. Tamén haberá colaboracións de alumnas e alumnos dos centros IES Perdouro e IES Marqués de Sargadelos. Alumnado do CEIP nº 1 lerán o manifesto.
Para esta edición do Correlingua, o Concello de Foz editou un díptico especial, con información do percorrido e lugares do concello que merece a pena visitar.
O lema escollido para este ano é Galego, o paso adiante en diálogo aberto co escritor lugués homenaxeado este 2014, Xosé María Díaz Castro, quen, no inesquecíbel Penélope, falaba do abalar da historia de Galiza: “un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move”. Pois ben, neste ano en que se cumpre o 1º centenario do nacemento do escritor, o Correlingua quere responder desde o presente que avanzamos coa nosa lingua, porque o galego é un deses pasos adiante que citaba o poeta.
O Correlingua iniciouse, como todos os anos, no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.