Francisco Melo Botelho competía na categoría cadete en arco recurvo facendo gala dunha moi boa técnica a pesar do vento reinante, conseguindo ao final da primeira serie clasificatoria situarse en terceira posición con 280 puntos detrás de Borja Barro do Club Sílex e a tan só 5 puntos.
Ao final da segunda serie a acumulación do cansazo cara a efecto, repercutindo nas puntuacións do arqueiro mariñán caían ata os 256 puntos, e aínda así batía a súa marca persoal conseguida a pasada fin de semana no Trofeo Federacion-Xunta de Galicia celebrado en Arteixo, superándoo en 10 puntos. Fran demostra, coa progresión técnica e o aumento aos poucos das puntuacións, que está traballando duramente.
Pola tarde xa se disputaban as eliminatorias. Fran víase con Borja no seu primeiro enfrontamento de semifinais. A cousa non podía empezar peor para Fran: primeiro set 2 a 0 a favor de Borja, segundo set con repetición no resultado (4 a 0). Con un só set máis gañado por Borja, Fran estaría fóra de competición. Fran recomponse, pensa na súa técnica e execútaa en 2 sets máis que logra gañar colocando a Borja na corda frouxa. No quinto set ambos arqueiros están nerviosos; xa que o gañador disputa a final. Empatan o set que produce o empate a 5-5. Unha única frecha determina o gañador na morte súbita. Tan só 20 segundos de tempo para o lanzamento. A tensión faise notar. Ambos arqueiros disparan case simultaneamente. Fran logra estrelar a súa saeta no 9, menntres que Borja é menos certeiro e logra un 8 moi preto do 9. Vitoria para Fran que se disputa a final contra Taylor Murias do Club Arcobarco do Barco de Valdeorras (Ourense).
A final discorre sen sorpresas; xa que Taylor -máis experimentado que Fran- fai valer as súas táboas e logra en tan só tres sets a vitoria cun contundente 6-0. Segundo posto para Fran.
O próximo reto será o Campionato de España de cadetes que se celebrará en Madrid no campo de tecnificación da Federación Madrileña ao que asistirán Francisco e Gabriel Galante.