As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) acolleu este sábado 6 de xuño o XXIV Trofeo Sílex, incluído no calendario oficial de competicións da Federacion Galega de Tiro con Arco, coa participación dun único representante do Club IADOVI de San Cibrao.
Francisco Melo Botelho competía na categoría cadete en arco recurvo facendo gala dunha moi boa técnica a pesar do vento reinante, conseguindo ao final da primeira serie clasificatoria situarse en terceira posición con 280 puntos detrás de Borja Barro do Club Sílex e a tan só 5 puntos.
Ao final da segunda serie a acumulación do cansazo cara a efecto, repercutindo nas puntuacións do arqueiro mariñán caían ata os 256 puntos, e aínda así batía a súa marca persoal conseguida a pasada fin de semana no Trofeo Federacion-Xunta de Galicia celebrado en Arteixo, superándoo en 10 puntos. Fran demostra, coa progresión técnica e o aumento aos poucos das puntuacións, que está traballando duramente.
Pola tarde xa se disputaban as eliminatorias. Fran víase con Borja no seu primeiro enfrontamento de semifinais. A cousa non podía empezar peor para Fran: primeiro set 2 a 0 a favor de Borja, segundo set con repetición no resultado (4 a 0). Con un só set máis gañado por Borja, Fran estaría fóra de competición. Fran recomponse, pensa na súa técnica e execútaa en 2 sets máis que logra gañar colocando a Borja na corda frouxa. No quinto set ambos arqueiros están nerviosos; xa que o gañador disputa a final. Empatan o set que produce o empate a 5-5. Unha única frecha determina o gañador na morte súbita. Tan só 20 segundos de tempo para o lanzamento. A tensión faise notar. Ambos arqueiros disparan case simultaneamente. Fran logra estrelar a súa saeta no 9, menntres que Borja é menos certeiro e logra un 8 moi preto do 9. Vitoria para Fran que se disputa a final contra Taylor Murias do Club Arcobarco do Barco de Valdeorras (Ourense).
A final discorre sen sorpresas; xa que Taylor -máis experimentado que Fran- fai valer as súas táboas e logra en tan só tres sets a vitoria cun contundente 6-0. Segundo posto para Fran.
O próximo reto será o Campionato de España de cadetes que se celebrará en Madrid no campo de tecnificación da Federación Madrileña ao que asistirán Francisco e Gabriel Galante.