Este proxecto da institución provincial achegará un total de 500 cursos á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes co obxectivo de reducir a fenda dixital, fomentar a inclusión e mellorar a empregabilidade no rural
Lugo, 27 de xuño de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou por case medio millón de euros adxudicar o contrato do programa E para Dixitalizarse, Lugo. Así o informou tras a reunión a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen destacou que esta iniciativa “ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á veciñanza, reducir a fenda dixital e fomentar a inclusión no territorio”.
O proxecto está financiado con fondos europeos captados pola Deputación ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e desenvolverase ata o 20 de marzo de 2026, aínda que o 60% das accións deberán executarse antes do 31 de decembro de 2025.
Pilar García Porto explicou que “se trata dunha proposta pioneira coa que a institución provincial levará formación en competencias dixitais á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes”, quedando fóra só os municipios máis poboados: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
A programación, que será deseñada xunto coa empresa adxudicataria, incluirá 500 accións formativas centradas nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), e estará adaptada a diferentes perfís e idades. A formación abranguerá desde o uso de aplicacións móbiles ou a banca electrónica para persoas maiores, ata contidos de informática básica, redes sociais ou ciberseguridade para a mocidade, persoas desempregadas ou emprendedoras. Tamén se ofrecerán obradoiros dirixidos a familias sobre os riscos de internet ou o uso responsable dos dispositivos.
“A posta en marcha deste proxecto demostra, unha vez máis, a capacidade do Goberno da Deputación para captar fondos europeos, que xa superan os 18 millóns de euros desde o ano 2019”, sinalou García Porto. Un investimento que “permitiu desenvolver proxectos clave contra o despoboamento no rural e a favor da modernización dos concellos, como os programas Xeopadrón ou Impulsa TIC”, engadiu.
Prórroga do Mazo de Santa Comba e das instalacións de Ponte de Sil
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou tamén este venres a derradeira prórroga, por un ano máis, dos acordos de concesión demanial do restaurante do Mazo de Santa Comba, no concello de Lugo, e das instalacións de Ponte do Sil, no concello de Ribas de Sil.
Ambos contratos teñen como data de vencemento o 5 de xullo de 2025, coincidindo co remate do período vixente establecido cos actuais adxudicatarios para a explotación destes bens provinciais. A través deste acordo, a concesión prolóngase ata xullo do 2026, garantindo así a continuidade das actividades e a valorización destes recursos patrimoniais.
Novas concesións para melloras en servizos comunitarios
Ademais, este venres tamén saíu adiante o último trámite administrativo para o pagamento de dúas subvencións dentro do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios.
En concreto, a Comunidade de Usuarios da Auga de Louxas, no concello da Fonsagrada, recibirá 6.000€ para mellorar o abastecemento ao núcleo de Louxas – Lamas de Moreira. Pola súa banda, a Asociación Amigos da Feira, de Castro de Rei, percibirá outros case 6.000€ para reconstruír un sistema de recollida de auga de afloramento natural.
Con este programa, a Deputación colabora con entidades asociativas da provincia, como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais, para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que melloren a calidade de vida e fixar poboación no noso rural.


















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



