O portavoz de Pesca do Grupo Popular no Senado, Manuel Ruiz, afondou nas dificultades para atopar cargos de mando en ponte e máquina e propuxo “adoptar medidas para que o alumnado de ensinanzas náuticas se incorpore á pesca” e “axilizar a homologación de títulos” ademais de “simplificar e unificar criterios”
Celeiro (Viveiro), 27 de xuño de 2025. Os senadores do PP lucense -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- e o portavoz do Grupo Popular no Senado na Comisión de Pesca, Manuel Ruiz, deron conta en Celeiro acompañados por alcaldes e portavoces das iniciativas presentadas -algunha xa aprobada- na Cámara Alta a favor dos traballadores e do sector pesqueiro, tal e como “nos comprometemos cos representantes do sector pesqueiro lucense nunha visita recente á Mariña”.
O relevo xeracional, a formación adaptada ás características do sector e a necesidade de aplicar exencións fiscais para os tripulantes de buques españois en augas internacionais son algunhas das reivindicacións do sector que os populares defenden no Senado.
O senador mariñán José Manuel Balseiro subliña que “o relevo xeracional é un dos principais retos do sector pesqueiro” á vista da “desaparición de embarcacións activas” ou que “os menores de 30 anos non chegan ao 10% das tripulacións” debido á falta de atractivos para que os mozos e mozas queiran saír ao mar. “Esta situación pon en risco o futuro do sector e da soberanía alimentaria”, advirte o popular.
A falta de estabilidade contractual, as condicións máis vantaxosas para a tripulación española de bandeiras foráneas, as dificultades na homologación de títulos e de recursos para a formación obrigatoria ou a adquisición dunha embarcación e dunha licencia, condicionan o relevo xeracional.
Os populares propoñen que “o Goberno de Sánchez presente un plan de choque para dar resposta aos problemas que motiva a falta de relevo xeracional no mundo do mar”, subliña Balseiro. Así, propoñen que inclúa, polo menos, incentivos económicos e fiscais para atraer aos mozos e mozas; reforzar a formación facilitando a homologación e flexibilizando a obtención de títulos; mellorar as condicións laborais no mar modernizando a frota, dignificando o traballo e dando visibilidade e prestixio ao sector.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular no Senado, Manuel Ruiz, afondou nas dificultades para atopar tripulantes e, máis especialmente, para cargos de mando en ponte e máquina.
“A formación é esencial e de gran calidade en España, pero non se adapta ás características do sector” e, polo tanto, dende o Grupo Popular propoñen “adoptar medidas para que o alumnado de ensinanzas náuticas se incorporen á pesca como, por exemplo, revisando coa participación do sector as condicións para a obtención de títulos -facilitando a formación dual, regrada e online aproveitando as estancias en terra, adaptando as prácticas á experiencia xa adquirida e poñendo en marcha novos cursos de adaptación e capacitación de novas atribucións-”.
O portavoz de Pesca do PP no Senado tamén engadiu a necesidade de “dar axilidade na homologación de títulos de países asinantes de Convenios Internacionais e unha nova firma de Convenios; así como traballar coa UE para a homologación de normas e títulos de forma automática; ditar instrucións para a unificación, simplificación e axilidade das toma de decisións por parte das Capitanías Marítimas e excluír calquera pretensión de redución da xornada laboral no sector do mar sen aplicar medidas acordes ás peculiaridades da pesca.
Ruiz explicou tamén que “esta mesma semana o Grupo Popular logrou sacar adiante -coa abstención do PSOE- unha iniciativa para instar ao Goberno de Sánchez a ampliar a exención tributaria do IRPF dos primeiros 60.100 euros aos tripulantes españois que traballen en buques de bandeira española que faenan fóra das augas españolas”.
O obxectivo, ademais de estimular o relevo xeracional, é o de “evitar a fuga de talento” toda vez que “os tripulantes enrolados en empresas pesqueiras españolas con buques de bandeira española non poden disfrutar na actualidade deses beneficios” cando si é posible para os que faenan en buques de bandeira estranxeira, que aforran entre 30.000 e 35.000 euros anuais.
A non aplicación desa exención provoca que a dispoñibilidade de tripulantes, especialmente titulados en puente e máquina, sexa cada vez menor en buques españois.
COEFICIENTE REDUTOR
Os criterios que pretenden impoñer desde o Ministerio de Seguridade Social deixan fóra á frota palangreira e arrastreira que faena en augas internacionais -maioritariamente galega- da posibilidade de aplicar un coeficiente redutor. O voto a favor do Partido Popular foi decisivo para aprobar unha iniciativa para que teña a consideración de buques conxeladores e, polo tanto, se poidan acceder a eses beneficios.



















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



