Por suposto, as festas da patroa deste ano en Ribadeo serán lembradas. Todos os anos o son, que cada quen ten as súas propias lembranzas, e este ano non será menos. Aínda así, as recén rematadas pode que teñan como característica que as lembranzas serán moi compartidas. E é que si, houbo cousas noticiables que lembrar a máis das protestas polo ruído. Houbo a sorpresa de non ter alumeado de festa, despois dunha carreira en anos anteriores por tentar superar cada ano o alumeado ornamental que se fixera ata entón (conseguíndoo ou non). Non transcendeu moito, pero si que se comentou. E non quedou aí. A competición non declarada de espectáculos celestes nocturnos, entre a exhibición ‘patriótica’ asturiana de drons en Penarronda e os tradicionais fogos do sete de Ribadeo, deu máis que falar, e pode que se fora apagando pouco a pouco e non de xeito brusco se a noite seguinte non se dera outra situación a lembrar. E é que o esperado Mägo de Oz non tocou. A cousa ten historia: xa nos carteis anunciadores das festas houbo unha versión sen o grupo -un erro sen máis-, e outra con el, de xeito que para algúns non era evidente que foran tocar a noite do oito, día da patroa e remate das festas. Día no que choveu de finais da mañá en diante, se ben á hora prevista, 11 da noite, levaba xa tempo con orballo tendendo a amainar. E xusto ás 11 e cuarto, cando o presidente da Comisión de festas sae para dicir que se cancela o concerto que debera ter comezado ás 11, e logo un representante do grupo anímase a dicir que eles tocarían, que fixeron unha longa viaxe de sete horas dende Madrid e están aquí, pero que hai un río de auga baixo o escenario (é dicir, ó nivel do público) e sería un perigo polos cables eléctricos, etc, xusto nese momento, parou de caer a xa pequena cantidade de auga que orballaba. E iso provocou queixas, berros… coido que de calquera xeito, non demasiados en relación á cantidade de xente que había, que non era pouca e que levaba en xeral algún tempo esperando no lugar con paraugas aberto ou sen paraugas. Como fin de festa, non está mal, e por iso o título: estas festas serán lembradas non tanto pola falta de alumeado ou pola competición de espectáculo de luces nocturnas, senón pola desbandada de Mägo de Oz.
Por certo, que en rigor, o título é discutible. E é que Mägo de Oz, a última vez (e primeira) que pasou por Ribadeo, en agosto de 2002, tamén marchou sen tocar o previsto. Ía ser no Pepe Barrera, con entradas en venda anticipada e alí mesmo antes do concerto. Pero veu a chuvia. E o concerto, xa comezado, parou. O que non volveu foron os cartos á xente. E tempo adiante, houbo unha sentencia xudicial contra o grupo polo incumprimento de contrato.
Un par de notas ó final: en contraste con eles, os teloneiros do día da patroa -D’Cano- non tiveron problema en tocar e fixérono rematando con aplausos. Sería só porque como asturianos coñecen a choiva a diferenza dos madrileños? Como o concerto era gratuíto para o público asistente, no marco das festas patronais, non houbo devolución algunha de cartos. Lóxico, por moito que teña fastidiado plans ou feito gastar en desprazamentos a alguén. Mais, que cobraron MdeO por vir? Devolveron cartos á organización? Pois non teño datos, estará no contrato e a estas alturas xa houbo algunha resposta institucional…


















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



