A cita, gratuíta e aberta a todos os públicos, celebrarase o sábado 19 de setembro ás 11:00 horas con punto de partida no mural «Rente ao Mar». Foz pecha o ciclo XOGAL 2026
Foz, 15 de setembro, 2026. Foz acollerá o vindeiro sábado 19 de setembro a última cita de XOGAL 2026, o ciclo de escape rooms ao aire libre que percorreu este verán dez concellos galegos. Baixo o título «Coñece Foz a través dos seus murais», a proposta converterá o paseo marítimo nun gran taboleiro de xogo no que as persoas participantes descubrirán os murais, as esculturas e a memoria mariñeira do municipio mentres resolven enigmas e superan retos. A actividade arrancará ás 11:00 horas no mural «Rente ao Mar».
O fío condutor da aventura son as propias figuras do paseo: as que levan anos contando quen é Foz quedaron sen voz, e os equipos deberán devolverlla da man de Kei, a mascota que guía todos os circuítos de XOGAL. O percorrido é circular, de preto de 2,4 quilómetros e trece probas, e vai de «Rente ao Mar» a «Á Conversa», «Ós Náufragos», «A Muller Focega», o barco de Portochico, «Ao Mariñeiro», a farola da Baliza, «O Arao», «O Xico», o Banco das Mentiras, Rosalía e as Pescantinas, antes de regresar ao punto de partida.
Para todos os públicos
Para xogar non fai falla ningún coñecemento previo nin descargar ningunha aplicación: a experiencia ábrese directamente desde o navegador do móbil e cada equipo avanza ao seu ritmo. Pódese participar en familia, en parella ou en cuadrilla, e a proposta está pensada tanto para veciñanza como para visitantes. Ao remate haberá premios para os equipos gañadores e sorteos entre as persoas participantes. Só fai falta o móbil cargado e calzado cómodo.
Tras o evento de estrea, a experiencia quedará activa durante un mes, para que veciñanza e visitantes poidan xogala gratuitamente ao seu propio ritmo.
Un ciclo que percorreu dez concellos galegos
XOGAL é un proxecto impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla, en colaboración con Escapeo, co obxectivo de achegar a dinamización cultural e turística a municipios do rural galego poñendo en valor o seu patrimonio a través do xogo. Antes de Foz, o ciclo pasou por Cervo, Lourenzá, Guitiriz, Negueira de Muñiz, Monterroso, Meira, A Fonsagrada, Castro de Rei e Taboada.
Datos prácticos
Actividade: «Coñece Foz a través dos seus murais», escape room ao aire libre
Data e hora: sábado 19 de setembro de 2026, ás 11:00 horas
Punto de partida: mural «Rente ao Mar» (Foz)
Percorrido: circular, de preto de 2,4 km e trece probas
Prezo: gratuíto
Público: todos os públicos; os menores de 10 anos acompañados dunha persoa adulta.
Inscrición: previa e gratuíta en escapeo.com/xogal




















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



