Os 528 maiores de 55 anos que participaron na sexta edición do Lugo Termal accederon a tratamentos termais con descontos de ata 40% con respecto ao prezo de mercado, que representan uns 60 euros menos no custo total, nos seguintes establecementos: Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón, que acolleu a 235 persoas; o Río Pambre, en Palas de Rei, que recibiu a 44; Hotel Balneario en Guitiriz, con 148; e Termas Romanas, en Lugo, con 101.
Os paquetes con descontos e os participantes nos mesmos foron os seguintes:
– Con estancia, paquete que elixiron 461 persoas: foron 6 días con 5 noites de estancia, no que o día de entrada foi o domingo e o de saída o venres. Foron 5 pensións completas. Incluíu 8 técnicas de saúde, un recoñecemento médico á chegada, un programa de animación sociocultural de luns a xoves, asistencia especializada e programas específicos para persoas con problemas de mobilidade ou incapacidade. Todo isto por un prezo máximo de 190 euros.
Tamén se incluíu a posibilidade de prolongar a estadía no balneario tras rematar o paquete subvencionado pola Deputación, cun prezo especial, con desconto.
– Sen estancia, paquete que elixiron 67: ofreceu prazas ilimitadas con descontos do 30% para 20 técnicas terapéuticas durante 10 días.