Lugo 16 de xaneiro de 2016. O Presidente, Darío Campos Conde, informou este luns sobre o remate da sexta edición do programa Lugo Termal, que ofrece a lucenses maiores de 55 anos descontos para tratamentos mineromedicinais nos 4 balnearios da provincia. Campos Conde avanzou que “xa son 5.600 as persoas que puideron acceder a estes tratamentos grazas aos descontos da Deputación, que ofrecemos nas 6 convocatorias desta programación. As últimas 528 fixérono nos últimos tres meses coa edición que vimos de pechar. Ante este éxito, neste 2017 tamén haberá Lugo Termal”.
Os 528 maiores de 55 anos que participaron na sexta edición do Lugo Termal accederon a tratamentos termais con descontos de ata 40% con respecto ao prezo de mercado, que representan uns 60 euros menos no custo total, nos seguintes establecementos: Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón, que acolleu a 235 persoas; o Río Pambre, en Palas de Rei, que recibiu a 44; Hotel Balneario en Guitiriz, con 148; e Termas Romanas, en Lugo, con 101.
Os paquetes con descontos e os participantes nos mesmos foron os seguintes:
– Con estancia, paquete que elixiron 461 persoas: foron 6 días con 5 noites de estancia, no que o día de entrada foi o domingo e o de saída o venres. Foron 5 pensións completas. Incluíu 8 técnicas de saúde, un recoñecemento médico á chegada, un programa de animación sociocultural de luns a xoves, asistencia especializada e programas específicos para persoas con problemas de mobilidade ou incapacidade. Todo isto por un prezo máximo de 190 euros.
Tamén se incluíu a posibilidade de prolongar a estadía no balneario tras rematar o paquete subvencionado pola Deputación, cun prezo especial, con desconto.
– Sen estancia, paquete que elixiron 67: ofreceu prazas ilimitadas con descontos do 30% para 20 técnicas terapéuticas durante 10 días.