As mariñás lograron igualar un 0-4 no segundo tempo, pero non foron capaces de remachar a remontada diante do Futsi Atlético Navalcarnero
Burela, 7 de xuño, 2025. O Burela FS despediu a tempada cunha derrota no terceiro partido da semifinal diante do Futsi Atlético Navalcarnero (4-4 no tempo regulamentario e 6-7 nos penaltis), nun encontro cargado de tensión, que foi unha auténtica tolemia durante a segunda parte e que se tivo que decidir desde o punto de penalti. O Futsi Atlético Navalcarnero foi superior no primeiro tempo e froito deste dominio foise ao descanso cunha gran renda de tres goles, que elevou a catro no minuto 25. Cando peor estaban as cousas apareceu a garra das Pícaras que, aínda sen a participación de Emilly, foron capaces de igualar o electrónico antes do final facéndolle moito dano ás branquivermellas co xogo de cinco.
O encontro comezou cuns minutos de tanteo nos que ningún equipo era capaz de xerar ocasións de perigo sobre o marco rival. Con todo, as atléticas lograban adiantarse no 4 grazas a unha falta perigosa na frontal da área burelesa que executaba Ari e batía a Caridad. Tivo opción ao empate rápido o conxunto local, nun remate de cabeza ao pau de Patricia á saída dun córner.
Xusto antes do ecuador chegaba o segundo das visitantes, nunha acción na que o balón lle chegaba en liña de fondo a Irene Córdoba. Esta metía un centro ao corazón da área e Cilene, vindo desde atrás, tocaba o coiro e batía á súa propia compañeira.
Este segundo tanto foi un mazazo para as mariñás, que se repuxeron cunha dobre ocasión no minuto 13, xusto despois de que Futsi cometese a súa quinta falta cando aínda restaban 7 minutos e medio para o descanso. Nesa dobre ocasión, primeiro remataba Patricia e o rexeite tras o despexe de Marta Balbuena caíalle a Antía Pérez, que se volvía a atopar coa meta madrileña. Nese mesmo minuto terían o primeiro de novo as discípulas de Julio Delgado, a través dun dobre penalti executado por Antía Pérez. O seu lanzamento íase demasiado alto.
Nos últimos cinco minutos do primeiro período producíanse moitas ocasións para ambos equipos. Leti, soa ante Caridad tras recortar a Cilene, remataba ao corpo da porteira de Sanlúcar; despois era Marta Balbuena a que aparecía para sacar unha grandísima man abaixo diante dun lanzamento peligrosísimo de Antía Pérez; posteriormente Marian atopábase co pau nun disparo desde a frontal e no 17 chegaba o 0-3. Laura Córdoba subía un balón, ninguén lle saía ao paso e acababa soltando un lanzamento que non podía deter Caridad. No último minuto aparecía Cilene coa camiseta de porteira e na primeira acción de xogo de cinco tiña o 1-3 Patricia, pero o seu remate no corazón da área era repelido por Marta Balbuena.
O descanso non lle serviu ás laranxas para reaccionar, que vían como rozaban o cuarto as atléticas nun disparo demasiado cruzado de Laura Córdoba ante Ana Eliza, que defendía no segundo tempo o marco local. Non perdoaría na seguinte a madrileña, que quedaba soa de novo diante da meta brasileira tras un gran balón ás costas da defensa mariñá da súa irmá xemelga.
O 0-4 e un tanto rápido de Patricia xogando de cinco espoleou ás burelistas, que empezaron a dominar o partido ante un Futsi que caía na trampa da tolemia mariñá. De novo Patricia tiña o segundo no 27, pero o seu remate no segundo pau atopábase coa madeira e o 28 era Dinha a que si superaba a Marta Balbuena cun lanzamento rápido tras recibir o balón na área. Vista Alegre e o cadro local entraban en ebulición e obrigaban a Joan Linares a solicitar un tempo morto para acougar as augas. Conseguiuno en primeira instancia, xa que imposibilitou durante varios minutos que as locais volvesen armar o xogo de cinco e mesmo anotou un gol Futsi, pero que foi anulado por falta a Ana Eliza. Ademais, Cami tiña que sacar baixo paus un remate de Leti cando non había porteira no marco laranxa. E no 29, entre Ana Eliza e o pau, evitaban que se fose para dentro un tiro de Irene Córdoba desde unha posición escorada.
Tolemia en Vista Alegre
A quinta falta de Futsi, cando aínda restaban 11 minutos e medio por disputarse, cambiou de novo o decorado e envorcou o campo cara á portería atlética. Pronto tería o cadro local unha dobre oportunidade para marcar desde os 10 metros, pero Antía Pérez volvía desaproveitala en primeira instancia. Nesta ocasión era Marta Balbuena a que interviña para evitar o gol local. No mesmo minuto tentábao Dinha, pero o seu doblepenalti perdíase por encima do traveseiro. Era o terceiro que malograban as locais.
A pesar de non aproveitar estas dúas ocasións, o conxunto burelés seguíu tentándoo e no minuto 36 atopaba o premio ao seu esforzo cun zurdazo de Cami que entraba pegado ao traveseiro. O Futsi sufría para defender o xogo de cinco e pouco despois chegaba o empate nunha gran xogada de todo o cadro laranxa que remachaba dentro da área Patricia. Con pouco máis de dous minutos de tempo regulamentario por xogarse comezaba un novo partido, aínda que Julio Delgado retiraba a súa aposta de cinco e non se producirían máis accións de perigo para ningún dos dous contendentes.
O primeiro tempo da prórroga contou con tres boas ocasións para as locais e unha para as visitantes. Marta Balbuena volveu aparecer para despexar un disparo de Patricia desde o á dereita e metía despois unha gran man nun disparo de Dinha ao primeiro pau. Entremedias, Laura Córdoba puido poñer por diante ao seu equipo, pero o seu disparo cruzado foise rozando o pau da portería mariñá. E xa sobre o final, de novo Patricia virábase moi ben no pívot, pero o seu lanzamento á media volta era repelido por Marta Balbuena. O segundo tempo extra contaría con menos ocasións, sendo a máis destacada un remate de Irene Córdoba que tocaba o xusto Ana Eliza para envialo á cruceta e que finalmente saíse a córner.
O billete nos penaltis
O pase decidiríase desde o punto de penalti e o Burela FS tivo dous balóns para selar o seu acceso á final, pero non os aproveitaron Cilene e Carolina Pedreira. A quenda empezou con boas noticias para as Pícaras, xa que Caridad detíñalle o primeiro a Irene Córdoba. Despois anotarían Antía Pérez, Patri, Dinha, Laura Córdoba, Noelia Montoro, María Moreno, Patricia, Ari e, co pase no peto, Cilene fallaba o quinto. Leti anotaba o quinto do seu equipo, Emilly igualaba, Ana Eliza detiña o penalti de Anita Luján e Carolina Pedreira desaproveitaba a oportunidade ante Bea Parrón de certificar a clasificación. A meta branquivermella, coas súas tres paradas nos penaltis, acabaría sendo a heroína de Futsi. Leninha facía o sexto da quenda para as visitantes, Débora igualaba, Marian anotaba o sétimo e Bea Parrón paraba o lanzamento de Cris Lourés e dáballe o pase á final ao Futsi.
Ficha Técnica Burela FS 4-4 (6-7 nos penaltis) Futsi Atlético Navalcarnero
Burela FS (4): Caridad; Cami, Patricia, Antía Pérez, Dany -quinteto inicial-, Noelia Montoro, Dinha, Débora, Carolina Pedreira, Cilene, Ana Eliza (ps), Cris Lourés e Emilly.
Futsi Atlético Navalcarnero (4): Marta Balbuena; Laura Córdoba, Anita Luján, Leti, Irene Córdoba -quinteto inicial-, Marian, Ari, Patri, Leninha, María Moreno e Bea Parrón (ps).
Goles: 0-1, min. 4: Ari. 0-2, min. 9: Cilene (pp). 0-3, min. 17: Laura Córdoba. 0-4, min. 25: Laura Córdoba. 1-4, min. 25: Patricia. 2-4, min. 28: Dinha. 3-4, min. 36: Cami. 4-4, min. 38: Patricia.
Penaltis (6-7): Irene Córdoba (erro), Antía Pérez (gol), Patri (gol), Dinha (gol), Laura Córdoba (gol), Noelia Montoro (gol), María Moreno (gol), Patricia (gol), Ari (gol), Cilene (erro), Leti (gol), Emilly (gol), Anita Luján (erro), Carolina Pedreira (erro), Leninha (gol), Débora (gol), Marian (gol), Cris Lourés (erro).
Árbitros: Fernando Faubell e Lucía Guillén (Colexio de Aragón). Amoestaron á local Antía Pérez e ao seu técnico, Julio Delgado. Así mesmo, viron a cartulina amarela as visitantes Marian e Ari.
Incidencias: Terceiro partido da semifinal do play off polo título da Liga Iberdrola FS disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 800 espectadores.




















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



