Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 161.000 euros para o fomento de 10 iniciativas empresariais lucenses lideradas por mulleres

Balseiro Lopez Abella2Lugo, 13 de decembro de 2017. A Secretaría Xeral da Igualdade destina 161.500 euros a impulsar 10 proxectos empresariais lucenses liderados por mulleres e que inicialmente incorporan a 18 mulleres ao mercado laboral.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que son achegas correspondentes ao Programa Emega, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e que pretende fomentar o emprendemento feminino.

En todos os casos se trata da posta en marcha de novos proxectos de negocio salvo un, do ámbito dos seguros, que xa iniciara unha traballadora por conta propia e que con esta achega contrata a dúas mulleres por conta allea.

Entre as iniciativas beneficiadas atópanse negocios relacionados coa formación, centros de ocio infantís, restauración, comercio, produción teatral, transporte e construción. Catro das empresas constituíronse en Lugo capital, tres en Monforte de Lemos, unha en Ribadeo e tamén unha en Sober e en Burela.

As empresas beneficiarias están formadas por mulleres; os principais requisitos son que teñan o domicilio social e establecemento de produción en Galicia, que non pertenzan ao sector público nin sexan entidades sen ánimo de lucro.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, que persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. Deste xeito, búscase que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo tamén á creación de novos postos de traballo.

O programa Emega ponse en marcha a través de catro liñas de actuación específicas. A liña “Emprende”, que obtiveron 9 dos 10 proxectos lucenses, está destinada á posta en marcha de novas empresas. A liña “Activa” -que obtivo o décimo proxecto da provincia para a contratación de persoal- busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais. Tamén contempla a liña “Innova” para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres e a liña “ITEF”, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

Por outra banda, conta con dúas modalidades de axudas complementarias: a modalidade “Concilia”, de apoio á conciliación da vida laboral, e a modalidade “Dual”, para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria. Dúas iniciativas empresariais da provincia tamén obtiveron axudas por estes conceptos.

Exit mobile version