Para o BNG sería absolutamente inadmisíbel que a Deputación de Lugo utilice cartos públicos para unha campaña dirixida a previr a violencia machista no ámbito veciñal na que se remate anunciando unha “breve charla”, un menú e unha visita a un centro comercial. “No BNG queremos saber cantos cartos se destinaron a financiar esta actividade, que parte do ‘pack’ corre a conta da Deputación” afirmou o Deputado do BNG.
Así mesmo, o BNG preguntará pola opinión que lle merece á Deputación que os seus convenios rematen promovendo excursións e se este é o obxectivo da campaña de prevención da violencia machista no ámbito veciñal que anuncian a bombo e prato. Desde o BNG lembran que estamos a falar dun dos maiores problemas políticos que temos a día de hoxe. “Non se pode trivializar a violencia machista nin promover excursións veciñais para visitar centros comerciais con ela” concluíu Ferreiro.