Lugo, 25 de xaneiro 2018. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, presentará unha serie de preguntas para saber se a Deputación subvenciona dalgún xeito o acto da Federación Veciña Lucense que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta en Lugo o pasado 20 de xaneiro. Xosé Ferreiro lembrou que no pasado mes de outubro a Deputación acordou un convenio coa Federación Veciñal de 30.000 € para diversas actividades e na proposta de acordo, feita polo goberno provincial, para este convenio aparecía, entre as actividades a realizar, as relacionadas con actos coa violencia de xénero
Para o BNG sería absolutamente inadmisíbel que a Deputación de Lugo utilice cartos públicos para unha campaña dirixida a previr a violencia machista no ámbito veciñal na que se remate anunciando unha “breve charla”, un menú e unha visita a un centro comercial. “No BNG queremos saber cantos cartos se destinaron a financiar esta actividade, que parte do ‘pack’ corre a conta da Deputación” afirmou o Deputado do BNG.
Así mesmo, o BNG preguntará pola opinión que lle merece á Deputación que os seus convenios rematen promovendo excursións e se este é o obxectivo da campaña de prevención da violencia machista no ámbito veciñal que anuncian a bombo e prato. Desde o BNG lembran que estamos a falar dun dos maiores problemas políticos que temos a día de hoxe. “Non se pode trivializar a violencia machista nin promover excursións veciñais para visitar centros comerciais con ela” concluíu Ferreiro.