A través da Secretaría Xeral de Emprego, a Administración autónomica lémbralle ao Goberno que necesita dispoñer á “maior urxencia posible” da información solicitada, xa que o período de consultas ao ERE remata o próximo venres, 24 de xullo, se Alcoa e o comité de empresa non chegan a un acordo para a súa ampliación.
En concreto, por terceira vez acaba de solicitar ao Ministerio de Industria a proposta e posterior desenvolvemento dun plan industrial para a fábrica de San Cibrao –anunciado polo propio Ministerio hai un mes–, así como os detalles e o calendario previsto para a entrada en vigor do Estatuto para os consumidores electrointensivos.
No caso do Ministerio para a Transición Ecolóxica, neste terceiro escrito pídeselle de novo información sobre a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano.
En ambos os dous casos, a información é esencial para evitar os despedimentos na factoría de Alcoa en San Cibrao e garantir o mantemento da produción de aluminio primario. De feito, sen esa información dificúltase a posibilidade de que empresa e comité poidan concluír cun acordo o período de consultas e impedir así a destrución de 534 postos de traballo directos, sen contar o impacto económico negativo que xerará en toda a comarca da Mariña e a nivel laboral na industria auxiliar.
Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da autoridade laboral, avoga por que empresa e representantes sindicais amplíen o período de consultas; ao tempo que lles segue ofrecendo a posibilidade de recorrer a procedementos de solución extraxudicial, como é o caso da mediación, coa finalidade última de acadar un acordo.