Compostela, 21 de xullo, 2020. A Xunta de Galicia, como autoridade laboral competente, vén de requirir por terceira vez ao Goberno –a través de senllos escritos aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica– que lle informe sobre cales son as medidas que ten previsto aprobar para encontrar unha solución aos problemas actuais da industria electrointensiva galega –e de Alcoa San Cibrao en particular– derivados da falta dun prezo eléctrico estable e competitivo.[/caption]
A través da Secretaría Xeral de Emprego, a Administración autónomica lémbralle ao Goberno que necesita dispoñer á “maior urxencia posible” da información solicitada, xa que o período de consultas ao ERE remata o próximo venres, 24 de xullo, se Alcoa e o comité de empresa non chegan a un acordo para a súa ampliación.
En concreto, por terceira vez acaba de solicitar ao Ministerio de Industria a proposta e posterior desenvolvemento dun plan industrial para a fábrica de San Cibrao –anunciado polo propio Ministerio hai un mes–, así como os detalles e o calendario previsto para a entrada en vigor do Estatuto para os consumidores electrointensivos.
No caso do Ministerio para a Transición Ecolóxica, neste terceiro escrito pídeselle de novo información sobre a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano.
En ambos os dous casos, a información é esencial para evitar os despedimentos na factoría de Alcoa en San Cibrao e garantir o mantemento da produción de aluminio primario. De feito, sen esa información dificúltase a posibilidade de que empresa e comité poidan concluír cun acordo o período de consultas e impedir así a destrución de 534 postos de traballo directos, sen contar o impacto económico negativo que xerará en toda a comarca da Mariña e a nivel laboral na industria auxiliar.
Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da autoridade laboral, avoga por que empresa e representantes sindicais amplíen o período de consultas; ao tempo que lles segue ofrecendo a posibilidade de recorrer a procedementos de solución extraxudicial, como é o caso da mediación, coa finalidade última de acadar un acordo.