Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro afea ao goberno local que por segundo verán consecutivo instale unha caseta de obra no paseo marítimo de Covas para os socorristas

Viveiro, 16 de xullo de 2021. Os propietarios están obrigados a manter os seus predios nas debidas condicións de ornato e seguridade. Así é e así debe ser, e a primeira que debe e ten que dar exemplo é a Administración. Pois no caso de Viveiro, di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, non é así, e como proba do que di pon a caseta de obra, metálica, instalada no paseo marítimo en Covas, para uso dos socorristas; é o segundo verán que ocorre este feito. Os populares instan ao goberno municipal a substituír a caseta que critican por outra cuxas características estéticas se adapten a un ámbito urbano que debe ser mimado polo Concello.

Óscar Rodríguez sinala: “É posible que sexa necesario dispoñer dun equipamento provisional como este para que os socorristas poidan prestar o seus servizos nas mellores condicións posibles. Agora ben, que teña que haber unha caseta, non quere dicir que sirva calquera. Neste caso, ademais, ten o rótulo da empresa (e isto non é unha crítica a empresa, nin moito menos), pero de ter algún rótulo tería que ser exclusivamente o que identifique esta instalación co servizo ao que acolle”. Destaca que o tubo do desaugue está á vista.

O portavoz popular tamén destaca que “os particulares, cando queren facer algunha obra, teñen que atender as obrigas en materia estética segundo o lugar no que está ubicado o inmoble; pois o Concello non pode actuar como se para el as normas non existiran”.

Os populares queren que a caseta xa instalada sexa substituída por outra cuxo aspecto se corresponda coas condicións do ámbito urbano no que está, que é un dos máis notables de Viveiro e polo que pasan miles de persoas cada día. Rodríguez di que no mercado hai todo tipo de casiñas e casetas e que por un prezo moi asumible o Concello de Viveiro pode alugar ou mercar unha cuxo aspecto se adecúe ao entorno. O portavoz popular considera que o evidente déficit de mantemento do entorno da praia é o reflexo da falta de xestión do equipo de goberno presidido pola socialista María Loureiro.

Exit mobile version