Site icon Crónica3.com A Mariña

O peixe e a saúde mental protagonizan as xornadas “Mens Sana in Corpore Sano” da Fundación Expomar

Burela, 29 de abril, 2022. O programa de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano”, da Fundación Expomar viviu este xoves 28 de abril a súa xornada principal, cunha charla informativa sobre nutrición e unha mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña.

A presentación destas jornadas tivo lugar xa pola mañá na unidade residencial da Asociación Saúde Mental A Mariña, en Cervo, coa interveción do alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares, e o presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e a presenza de representantes do GALP A Mariña Ortegal.

A continuación celebrouse a primeira das tres degustacións de peixe dirixidas especialmente aos usuarios deste mesmo centro e mais do centro de día da Fundación Eu Son en Burela. Nesta ocasión degustaron diferentes receitas elaboradas con pescada do pincho de Burela, anque a Fundación Expomar seguirá promocionando o consumo de peixe nas dúas vindeiras semanas coa sendas degustacións de bonito de Burela e polbo da Mariña.
Os principais actos destas xornadas celebráronse pola tarde na Casa de la Cultura de Burela coa conferencia “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove”, a cargo do neurólogo Miquel Aguilar Barberá, e unha mesa redonda sobre “A Saúde Mental na Mariña”, moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino Cigarrán e con representantes das principais asociacións da contorna: a Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.

A xornada da tarde abriuse coas intervencións da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, e o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano.

Na súa conferencia, o doutor Miquel Aguilar Barberá, neurólogo de Àptima Hospital Universiatio Mutua de Terrasa, explicou as 12 claves para alimentar adecuadamente o noso cerebro e o noso corpo en todos os seus aspectos: «para cumprilo necesítase unha alimentación adecuada, exercicio físico regular e gozar das pequenas cousas do día a día, evitando todo aquilo que nos prexudica».

Para este doutor e profesor catalán, «o obxectivo é acadar máis anos de vida de calidade: unha vida plena e un envellecemento saudable. Non é unha quimera alcanzar os 100 anos en boas condicións e mesmo superar o límite dos 117 anos».

O acto pechouse con unha mesa redonda na que, ademais dos doutores Miquel Aguilar Barberá e Secundino Cigarrán, participaron representantes das principais asociacións da contorna para facer unha presentación das súas entidades e reflexionar sobre a situación da “Saúde Mental na Mariña Lucense”.

María José Novoa, directora técnica xerente de “A Mariña Saúde Mental”, defende que «a sociedade ten que ser máis consciente da importancia de coidar a saúde mental e para iso debemos poñer o foco tamén nunha alimentación saudable. Nos nosos centros facémolo a través dos programas de educación para a saúde, como “Coidando de min” ou “Velando pola miña saúde integral”, motivando o consumo de produtos saudables e do noso mar».

Gema Fernández Rey, psicóloga “AFAN Burela”, indica que «a prevención das demencias comeza por manter uns hábitos de vida saudables ao longo de todo o ciclo vital. Por iso, desde AFAN Burela temos como obxectivo a curto prazo implantar programas especializados de prevención e detección precoz destas doenzas dentro do noso ámbito de actuación, para o que precisamos que as entidades locais da Mariña central e oriental nos brinden a súa colaboración»

Pola súa parte, Pablo Martínez, técnico da “Fundación Eu Son”, asegura que «cando a mellora do benestar persoal está nos nosos hábitos e costumes, a prevención depende de nós».

Como principal conclusión deste evento, tódolos profesionais coincidiron en que unha rápida prevención é a mellor solución para gañar tempo ao noso deterioro cognitivo, pasando por cuidar uns hábitos saudables de vida. Estas xornadas serven tamén para confirmar a decidida aposta da Fundación Expomar non só pola defensa do sector pesqueiro, senón polas iniciativas de carácter social e da saúde.

As Xornadas de Nutrición & Saúde Mental “Mens Sana in Corpore Sano” están promovidas pola Fundación EXPOMAR e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal, contando tamén coa colaboración do Concello de Burela e das asociacións Saúde Mental A Mariña, AFAN Burela e Fundación Eu Son.

Exit mobile version