Site icon Crónica3.com A Mariña

O CEIP Gregorio Sanz promove a actividade da Fundación Rosalía ‘O Caldo de Gloria’ coa colaboración do Concello e Acisa

Ribadeo, 22 de outubro, 2023. O “Caldo de Gloria” é unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña meu lar” pertencente ao libro Follas Novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e un bolo do pote, e no que relata a épica diaria da supervivencia.

Fai anos, A Fundación animou a hostaleiros e colexios, a facer o “caldo de
gloria” e a servilo enriba dun mantel individual de papel, preparado para a ocasión, co poema da poeta. Participaron moitos establecementos e colexios, principalmente da zona de Santiago de Compostela.

Este ano, no Ceip. Plurilingüe Gregorio Sanz, queremos conmemorar o Día
de Rosalía lendo o poema “Miña casiña, meu lar”, e traballando a receita, que se converterá no primeiro prato do Menú do comedor escolar o día da conmemoración da poeta.
Pareceunos unha boa idea, comentarlle ao Concello e a Acisa, esta iniciativa da Fundación, e ver a posibilidade de que a nosa Vila, puidese organizar esta actividade desde o 23 de febreiro, día de Rosalía, ata o 26 de febreiro como un atractivo turístico.

Varios foron os bares e restaurantes interesados nesta iniciativa: A Bugalla, Restaurante A Quinta, Restaurante Costa Verde, O Lar de Manolo, Bar Oviedo, Restaurante San Miguel e O Parador de Turismo de Ribadeo. Neles, elaborarán a modo de ración, tapa ou primeiro plato, dita receita, presentándoa enriba do mantel co poema.

Estes locais estarán identificados cun cartel da Fundación Rosalía.

A Fundación dota de manteis individuais a todos os bares e restaurantes que se suman a esta iniciativa.

Exit mobile version