Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso reitera o apoio do PSdeG para dotar de “seguridade xurídica” ás empresas do litoral, pero advirte ao PP que non consentirá “pelotazos urbanísticos” na costa

Sinala que, a diferencia do PP, os socialistas sempre defenderon una reforma estatutaria para ampliar o autogoberno e móstrase disposto a cinguila ao ordenamento do litoral

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, ofreceu hoxe unha rolda de prensa onde reiterou o apoio do seu partido dotar de “seguridade xurídica” ás empresas do litoral, pero advirte ao PP que non consentirán que se empregue ao sector da cadea mar industria e os seus 40.000 empregos como escusa para facer “pelotazos urbanísticos” na costa.

O número un dos socialistas galegos deu unhas declaracións matizando máis en detalle a posición da súa formación con respecto á Lei do Litoral que quere impulsar o goberno galego. A pesar de amosar a súa disposición a colaborar e emendar o proxecto de lei que se presente na Cámara autonómica, Formoso remarca que non van a consentir que os populares aproveiten para especular co solo de zonas costeiras.

A “seguridade xurídica” para un sector “do que dependen 40.000 familias galegas” é o obxectivo prioritario marcado por Formoso á hora de que o PSdeG teña “un papel clave” no normativa de costas, que considera unha “cuestión de país” debido á importancia social e económica que ten en Galicia.

CORRIXIR AS “EIVAS”

Considera que é “máis que necesario” que a normativa que saia do debate parlamentario conte cun “consenso” que ofreza a seguridade xurídica que o sector demanda dende hai tempo. Para iso, tratarán de “mellorar” o documento que acaba de comezar o seu camiño parlamentario e que ten “eivas” que queren corrixir sendo “solventes” na súa tramitación.

Unha desas “eivas” ás que apunta Formoso é a de que baixo o amparo da necesidade de dotar de seguridade xurídica ao sector, o PP teña a “escusa” para dar “barra libre” e que se creen novos “pelotazos urbanísticos”, algo que advertiu que non van a consentir e que considera que “a sociedade galega tampouco o admitiría”.

Ao respecto das tensións co executivo central debido ao conflito competencial, alegou tamén que non van a consentir que “se empregue ao sector e aos 40.000 empregos que dependen del para xerar confrontación co goberno do Estado”. “Isto non é un combate”, apuntou Formoso, quen quere apostar polo diálogo entre institucións na procura de dar mellor cobertura ás necesidades da cidadanía e das empresas.

REFORMA DO ESTATUTO

O secretario xeral do PSdeG engadiu que neste debate o PP non ten credibilidade, pois en máis de trece anos de mandato non solicitaron a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para ensanchar o autogoberno, do mesmo xeito que tampuco apoiaron nunca unha reforma do Estatuto. É máis, lembrou que foi o socialista Emilio Pérez Touriño o último presidente da Xunta que intentou modificar o marco estatutario, encontrando o veto de Núñez Feijóo.

Formoso considera que o goberno do PP “bloquea calquera posibilidade de avance nun documento que está a lastrar as posibilidades do noso país”. Así mesmo, ve “con envexa” como outras comunidades reformaron o seu estatuto “con consenso social” e se dotaron de ferramentas para aprobar proxectos lexislativos en momentos de dificultade, e que non ten Galicia coartando as súas “posibilidades económicas e legais”.

Ofreceuse como interlocutor entre os gobernos central e autonómico porque considera que non é o momento de ser egoístas, senón todo o contrario, “é o momento de ser xenerosos para dar garantías ao sector” do que dependen milleiros de familias galegas “con nomes e apelidos”. Polo que incluso abriu a posibilidade facer unha reforma urxente do marco estatutario galego cinguida ao ordenamento do litoral.

Exit mobile version