Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso salienta en Burela o apoio do PSdeG ao sector mar-industria do que dependen máis de 40.000 familias en Galicia

O líder dos socialistas galegos traslada o apoio á candidatura á alcaldía de Burela encabezada por Carmela López, que representa “ilusión, xuventude, e experiencia de xestión”

Burela, 13 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reafirmou hoxe en Burela o apoio dos socialistas galegos ao sector mar – industria, do que dependen 40.000 familias de galegos e galegas. Formoso visitou hoxe a feira pesqueira Expomar xunto coa candidata socialista á alcaldía, Carmela López, que dixo que representa “ilusión, xuventude e experiencia de xestión” no Concello.

O responsable socialista ofreceu unha “mensaxe de optimismo e ilusión” dos socialistas galegos a un sector “polo que levamos moito tempo pelexando”, na defensa da pesca de fondo, a pesca de cerco ou a continuidade das instalacións concesionadas no sector mar – industria. Formoso reivindicou “competencias plenas na xestión do litoral polo ben do sector e polo futuro de Galicia”.

En resposta a preguntas dos xornalistas, emprazou ao PP e ao goberno galego a aceptar as emendas dos socialistas á Lei do Litoral e “mellorar un texto que vai permitir bums inmobiliarios e hoteleiros”. Chamou a evitar que a costa galega “se converta nun novo Mar Menor ou na costa andaluza”.

Reiterou o apoio dos socialistas á tramitación da Lei do Litoral de Galicia, que está pendente de afrontar a súa primeira votación de toma en consideración no Parlamento. Explicou que os socialistas apoiarán o texto nesa primeira votación que iniciará o trámite parlamentario coa condición de mellorar a Lei a través de emendas.

Esixiulle á Xunta que “se centre na xestión do litoral” e “eliminar incertidumes no sector”, que conta con 568 instalacións na costa galega e da que dependen decenas de milleiros de familias, para que “non haxa dúbidas á hora de investir e de garantir o futuro laboral”.

Formoso comezou en Burela unha xornada que estará centrada no sector mar – industria, e que rematará xa pola tarde en A Guarda, onde acompañará ao alcalde e candidato á reelección, Antonio Lomba, nunha localidade na que a pesca é “bandeira”. Sinalou que A Guarda é a sede da Organización de Palangreiros Guardeses -Orpagu-, coa que “colaboramos habitualmente dende o PSdeG”, como interlocutores co goberno.

Burela

O líder dos socialistas galegos respaldou á candidata socialista á alcaldía de Burela, Carmela López, que opta a suceder a Alfredo Llano, o alcalde socialista da localidade que da un paso ao lado deixando “unha marca imborrable en Burela e na Mariña”. Sinalou que o traballo de responsables como Llano e agora Carmela López é exemplo do compromiso dos socialistas galegos coa comarca”.

Contrastou o traballo e a “pelexa” do PSdeG a favor da Mariña lucense, unha comarca que “ve como a Xunta dálle as costas, primeiro con Alcoa e despois anunciando que a planta de Altri acabará noutra parte de Galicia”. Censurou o “comportamento irresponsable” do goberno galego na pelexa pola continuidade da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Formoso sinalou que os traballadores, o goberno do Estado e a propia empresa “demostraron responsabilidade co futuro da empresa” votando maioritariamente pola continuidade co acordo de investir 184 millóns de euros. Lamentou que tanto o goberno da Xunta como o BNG “alentaran que o acordo non existira”, e sinalou que “cando volvan abrir as cubas nos acordaremos de quen actuou responsable e quen irreponsablemente.

Exit mobile version