Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, celebrará o seu 50 aniversario cun acto conmemorativo no auditorio municipal o 19 de xuño

Ribadeo, 6 de xuño de 2023. O Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, celebrará o seu 50 aniversario cun acto conmemorativo no auditorio municipal o vindeiro 19 de xuño. E o día 21 haberá unha merenda-cea aberta a toda a comunidade educativa a partir das sete da tarde.

O lema escollido para esta importante data é o de Educando co corazón. Nesa cita intervirán, entre outros, Chemy Lombardero, que foi mestre no centro, o ex director Antonio Martínez, a actual directora, Lourdes Marqués, e un bisneto de Gregorio Sanz. Tamén tomarán a palabra o alcalde ribadense e o conselleiro de Educación. O colofón poñerao a Coral Polifónica de Ribadeo.

A directora do Ceip Gregorio Sanz, Lourdes Marqués, anima “ao alumnado e profesorado, que ao longo destes 50 anos, pasaron polo noso centro a acudir a esta conmemoración que pretende ser unha homenaxe a todas elas e eles. Vai ser emotivo poder ver imaxes de moitos momentos vividos no Gregorio Sanz, das xeracións que por aquí pasaron, xa que imos contar coas testemuñas dunha avoa, da súa filla e do seu neto”.

Marqués engadiu: “comezamos no claustro de setembro pensando que tiñamos unha tarefa pendente para planificar para finalizar o curso 2022/2023. Queríamos culminar este remate deste curso co acto de celebración do 50 aniversario do Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz”.

Durante os vindeiros días o centro ribadense acollerá diversas actividades de fin de curso. O día 15 terán lugar varias graduacións no auditorio municipal. O 16 desenvolverase unha xornada de convivencia entre alumnado e profesorado na área recreativa de Santa Cruz, que estará amenizada polo grupo Os Jalochas (Anpa A Faxarda). O 19 de xuño pola mañá no Cine Teatro haberá unha actuación de Migallas Teatro, que porá en escena Brincadeiras da lingua e terá lugar un taller de maquillaxe a cargo de Óscar Aramburu. O día 20 será o día do deporte, o Ceip Gregorio Sanz organiza ese día unha sesión de zumba para 1º e 2º de Primaria. E tamén están previstas mostras de billarda e de xogos tradicionais, organizadas pola Anpa.

Para o día 21 está prevista unha xornada de portas abertas de 17 a 18 horas e diversas exposicións. E a partir das 19 horas seguirán os actos do 50 aniversario, que culminarán cunha merenda-cea na pista cuberta do Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz, onde ademais os asistentes poderán visionar fotos do pasado e do presente no centro. A nota musical da velada correrá a cargo de Tumba e Dalle e Corazones Jóvenes.

Tamén durante a xornada do 21 pola mañá, e organizadas pola Anpa A Faxarda, haberá unha xincana por diferentes espazos da vila que Gregorio Sanz adoitaba a frecuentar, na que participará alumnado de 3º a 6º de Primaria. As nenas e os nenos de infantil e de 1º e 2º de Primaria participarán noutra xincana dentro das instalacións do colexio e gozarán tamén dun espazo de xogo libre con brinquedo tradicional e con material natural non estruturado, Xogando Miudiño e Terra.

Exit mobile version