Site icon Crónica3.com A Mariña

Dani Vega, fai unha valoración moi positiva da xuntanza mantida coa Consellería de Medio Rural tras os incendios do pasado 12 de outubro

O rexedor subliña o respecto institucional absoluto e a colaboración entre todas as administración: Xunta e Concellos de Trabada, Foz e Ribadeo

Ribadeo, 25 de outubro de 2023. O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva da xuntanza mantida coa Consellería de Medio Rural tras os incendios do pasado 12 de outubro en Trabada, Ribadeo e Foz.

O rexedor declarou: “facemos unha valoración moi positiva da reunión que tivemos hoxe na Consellería de Medio Rural a alcaldesa de Trabada, o alcalde de Foz e un servidor. Creo que foi unha reunión realmente produtiva, onde houbo un respecto institucional absoluto e onde a colaboración das administracións vai ser permanente”.

Vega contou que “estivemos traballando primeiro en detectar cal foi o problema de raíz, creo que hai que facer agora un diagnóstico claro. Pouco a pouco poñeremos propostas enriba da mesa para que toda a veciñanza teña realmente solucións a este problema”.

Para o alcalde de Ribadeo o acontecido o pasado 12 de outubro “foi unha desgraza para a que agora temos que concretar medidas e por iso neste primeiro encontro o primeiro que fixemos foi tomar medidas a curto prazo. Por parte da Consellería vaise elaborar un informe técnico, detallado sobre o estado da masa arborada afectada, que servirá de base para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación do post incendio. Tamén creo fundamental, e os alcaldes o dixemos con moita claridade, que hai que programar unhas charlas, hai que informar a todos os propietarios, a todas as comunidades de montes, con axentes forestais, con servizo técnico da Xunta, hai que axudar a optimizar a xestión das áreas, de toda a superficie forestal, para axilizar as cortas de madeira co fin de tratar de aproveitar este recurso da mellor maneira posible”.

Dani Vega manifestou que “tamén é fundamental que falemos cos distintos organismos, ben sexa Augas de Galicia ou as Hidrográficas, en definitiva os organismos que teñen que informar para os permisos de corta. Hai que falar con todas as administracións implicadas para axilizar todas esas cortas e que non haxa unha burocracia absurda, elefantiásica, que non se faga isto eterno. Hai que axilizar e así aproveitar este recurso o máis rápido posible”.

O rexedor ribadense considera que “foron tres medidas moi importantes, o cal acordamos os Concellos e a Xunta de Galicia e despois iremos planificando un plan integral do territorio na procura de avanzar cara fórmulas que afonden en seguir traballando na xestión forestal cun enfoque sustentable tanto desde un punto de vista económico, social e ambiental”.

E reiterou que “foi unha reunión moi produtiva cun respecto institucional absoluto e cunha colaboración entre todas administracións, que é o importa realmente”.

Exit mobile version