Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentada unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”

Burela, 7 de outubro, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, presentaron este sábado 7 de outubro unha nova edición do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha iniciativa gastronómica que mantén o dobre obxectivo co que se lanzou fai xa catro anos: fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”.

O acto tivo lugar no Salón de Actos de Armadores de Burela e estivo presidido polo Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, contando coa presenza das alcaldesas de Burela, Cervo e Cariño, e o alcalde de Mañón; así como representantes do resto de concellos e das dúas Mancomunidades polas que discorre a acción: A Mariña Lucense e Ferrolterra Rías Altas.

Sergio López, xerente da OPP Burela, presentou esta nova edición facendo un balance das tres edicións anteriores e animando a todos os veciños do norte de Galicia a unirse a estas andainas gastronómicas que serven para seguir promocionando o consumo de peixe e “Peixe de Burela”, poñendo en valor a riqueza das diferentes especies pesqueiras da lonxa burelense.

Manuel Vicente, presidente da Asociación Amigos Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, destacou a consolidación desta iniciativa despois de tres edicións para seguir promocionando o “Camiño do Mar”, cuxas cifras de visitantes seguen crecendo cada ano, recibindo a peregrinos de ata 24 nacionalidades diferentes.

Alfonso Villares, conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, aplaudiu este tipo de iniciativas que se organizan desde o porto de Burela e que axudan a seguir reforzando a imaxe de Galicia como unha das grandes potencias pesqueiras de Europa. O conselleiro prometeu mesmo tomar parte nalgún destes roteiros, que promocionan ao mesmo tempo o territorio e a saúde, a través do consumo de peixe e da práctica de exercicio ao aire libre. O obxectivo da Consellería do Mar é seguir colaborando coas OPPs e asociacións nestas campañas de promoción conxunta dos produtos pesqueiros galegos e do Camiño de Santiago.

Durante as próximas sete fins de semana os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar” calzarán as súas botas para percorrer cada domingo unha etapa especial da ruta xacobea, que cruzará as comarcas da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas e pisará os quince concellos da costa norte de Galicia polos que pasa o Camiño do Mar, desde Ribadeo ata Neda, visitando cada domingo dous deles. En total serán sete etapas de aproximadamente 15 km cada unha.

Xa está aberta a inscrición para a primeira etapa, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de outubro e partirá de Ribadeo para visitar tamén o concello de Barreiros. As inscricións para tomar parte en cada xornada deben realizarse ata o xoves desa semana na web da asociación (www.asocaminodelmar.com/acciones/2023/camiño-gastronomico).

Seguirán as etapas de Foz-Burela o seguinte domingo día 22, Cervo-Xove o 29 de outubro, Viveiro-O Vicedo o domingo 5 de novembro, Mañón-Ortigueira o 12 de novembro, Cariño-Cedeira o domingo 19 e finalmente unha triple etapa final, o domingo 26 de novembro, que percorrerá os concellos de Valdoviño, Narón e Neda.

Ao final de cada etapa ofrecerase a todos os participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo do chef Bruno Pena, da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia. E ademais da satisfacción de pisar camiños milenarios e saborear a gastronomía do mar, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2023” tamén poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearanse unha cea para dúas persoas no restaurante A Mirandilla (Ribadeo), socio da Asociación Cociñeiros Lugo.

Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version