A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, reafirmou o compromiso “coa cultura, especialmente a cultura en galego, para celebrar estas datas tan sinaladas cunha oferta diversa”
“Con esta programación chea de actividades para todas as idades agardamos que Viveiro se encha unha vez máis de visitantes de toda a comarca e de toda Galicia, co impulso que isto supón para o noso comercio e a nosa hostalaría” afirma a alcaldesa María Loureiro.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, reafirmou o compromiso do Goberno local “coa cultura, especialmente a cultura en galego, para celebrar estas datas tan sinaladas cunha oferta diversa e para todos os gustos”. “Desexamos a toda a veciñanza unhas moi felices festas, que veñan cargadas de boas novas para afrontar este vindeiro 2024”, engadiu.
A primeira cita da programación está sinalada xa para mañá venres, día 22, ás 21:00 na Igrexa das Concepcionistas. Alí terá lugar o Concerto de Panxoliñas 2023 coas actuacións da Coral Polifónica Alborada de Viveiro e da Agrupación Coral Endesa das Pontes.
O día 23, ás 18:00 na praza Maior, terá lugar un concerto a cargo de Golpe de Efecto e de Badnkinders, e ás 20:30 no teatro Pastor Díaz será a quenda da Banda Municipal de Música O Landro, con entrada de balde previa retirada na billeteira a partir das 19:30.
Serán varias tamén as propostas do Concello do Viveiro para o día 24 cos Roteiros de Nadal no Vivertren ao longo de todo o día, a ‘Troula de Boa Noite’ que animará a Praza Maior a partir das 18:00, e o reparto de agasallos de Papa Noel dende as 19:00 dende Magazos ata Lodeiro.
Continuarán as citas o día 26 ás 19:00, coas Panxoliñas na Rúa da coral Alborada. O mércores 28 vivirase unha gran xornada coa Gala da Maxia a cargo de catro grandes magos galegos, no Teatro Pastor Díaz dende as 20:30 horas. As entradas para este último evento poden reservarse no 982560162 ou en rbg.cultura@viveiro.es
Tamén acollerá o Pastor Díaz a actuación de Escolma de Meus, as 20:30 do 29 de decembro con entrada de balde ata completar aforo. A Troula de Fin de Ano, por outra banda, será entre 13:30 e 15:30 na Praza Maior, a cargo do grupo Los Alcántara.
Xa comezado xaneiro de 2024, o día 5 haberá novos roteiros de Vivertren e, ás 17:30 terá lugar a gran Cabalgata dos Reis Magos. As súas Maxestades, que estarán acompañados polo pasarrúas da Banda da Misericordia, dirixiranse á veciñanza dende o balcón da Biblioteca Municipal antes da recepción real na Sala Multiusos do Concello.