Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade inicia o proceso de ampliación e seguimento do sistema de calidade turística na Mariña para este 2024

A Mariña, 7 de marzo de 2024. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense inicia o proceso de ampliación e seguimento do Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña en 2024 abrindo un novo período de solicitudes de adhesión. O prazo de inscrición está aberto ata o 17 de marzo.

Tras contar na pasada anualidade con 29 servizos turísticos adheridos dos sectores do aloxamento, restauración, guías, oficinas de turismo e museos, a Mancomunidade amplía este ano o acceso a novos sectores, convidando a artesáns, taxis turísticos e empresas de alugueiro de vehículos da Mariña a formar parte deste sistema, que tamén continuará sumando a interesados das categorías xa presentes.

Trátase dun proxecto abordado ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, “e ten como obxecto principal sumar esforzos dos diferentes axentes e empresas que participan no sector turístico da Mariña, para traballar conxuntamente pola calidade e mellora do destino”, explicou a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López.

A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, indicou que “con esta iniciativa a Mancomunidade aspira a introducir ferramentas de xestión útiles aos negocios en pos da mellora da calidade dos seus servizos; facilitar a coordinación e o traballo en equipo entre os axentes do destino; dar asesoramento e visibilidade ás empresas que traballan pola mellora continua e introducir a variable ambiental e social na súa xestión”.

E engadiu que “a adhesión ao SICTED na Mariña é un proceso completamente gratuíto para os axentes participantes e a metodoloxía neste primeiro ciclo de adhesión implica a realización de tres seminarios de formación, dous encontros colectivos (Asistencias Técnicas Colectivas) e dúas visitas individualizadas ao lugar de prestación do servizo (Asistencias Técnicas Individualizadas), coa convalidación case directa para aquelas empresas que contan coa Q de Calidade”.

Os interesados en obter máis información poden dirixirse ao seguinte enlace https://amarinalucense.gal/es/noticias/proceso-de-adhesion-al-sistema-de-calidad-turistica-en-destino-en-a-marina-lucense ou poden contactar por correo electrónico en info.turismo@amarinalucense.gal ou teléfono 659 293 663 de 09:00 a 14:00h.

As solicitudes serán limitadas por sectores coa finalidade de diversificar a súa representatividade, polo que a súa admisión dependerá deste límite por sector e da orde de realización das solicitudes. O prazo de solicitude estará aberto ata o 17 de marzo e prevese iniciar o proceso de formacións o 20 de marzo.

Para máis información: T. 659 293 663 09:00 a 14:00h. e correo info.turismo@amarinalucense.gal.

Exit mobile version