Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres ábrese ao público a instalación feminista que se atopa no quiosco da praza da Mariña de Burela

A Mariña, 8 de marzo, 2024. Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade, hoxe, venres 8 de marzo ás 14:00, terá lugar a apertura ao público da instalación feminista que se atopa no quiosco da praza da Mariña de Burela, e que se poderá visitar durante todo o mes de marzo. Esta instalación afonda nos diversos acontecementos históricos que levaron a que o 8 de marzo sexa o Día Internacional da Muller e aporta varios datos sobre a explotación laboral, a violencia de xénero, a brecha salarial e os coidados na actualidade. A realización desta instalación foi posible grazas á colaboración de diversas mulleres feministas mariñás e á colaboración do Concello de Burela. Aproveitamos para recordar que haberá un convivio de mulleres na Antiga Praza de Abastos entre as 14:00 e as 16:00, que se trata dun encontro social no que reunirnos para compartir comida, bebida, conversa e momentos de aprendizaxe e disfrute mutuo; entre as 16:00 e as 18:00 haberá taller de pancartas no mesmo lugar e aproveitaremos para organizarnos e ir xuntas á manifestación feminista de Ribadeo ás 20:00.

Esta manifestación, que é a única que se organiza na Mariña Lucense, convócase baixo o lema “Varrendo o patriarcado” para visibilizar a loita das compañeiras traballadoras do sector da limpeza de Lugo, cuxa folga fixo que puideran acadar certas melloras nas súas condicións laborais. Isto pon de manifesto o importante que sigue sendo que nos unamos e tomemos as rúas para reivindicar os nosos dereitos. Animámosvos a participar nesta loita feminista para que o cambio social sexa posible.

Exit mobile version