Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación principiou no IES María Sarmiento de Viveiro “A aventura de ilustrar”, unha charla e unha exposición sobre cómic co debuxante Primitivo Marcos

Lugo, 15 de abril de 2024. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará o proceso creativo da banda ilustrada aos centros educativos co ciclo “A aventura de ilustrar”, da man de Primitivo Marcos.

A proposta inclúe unha exposición baseada no último traballo do debuxante viveirense, a adaptación a banda deseñada da novela “O paso do Noroeste”, de Xavier Queipo. A través de cadros orixinais e paneis explicativos, a mostra explica, cun carácter pedagóxico e divulgativo, cada unha das etapa creativa do proceso de ilustración, dende a creación en bosquexos sinxelos da idea inicial ao remate a cor dun debuxo xa finalizado.

A exposición compleméntase cunha conferencia na que Primitivo Marcos explica ao alumnado o proceso de ilustrar un texto, os pasos que este implica e as súas dificultades, incidindo nas posibilidades que ofrece a imaxe para narrar contextos históricos. Na charla, tamén aborda a figura de Castelao como referente da ilustración en Galiza e a súa obra, na que destaca a capacidade de crear imaxes sinxelas pero cargadas de simbolismo.

O IES María Sarmiento de Viveiro acolleu este luns a primeira das actividades deste ciclo, que percorrerá 13 centros de ensino da provincia ao longo de 2024, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de achegarse a tarefa de ilustrar un texto, que, mais aló da banda deseñada, se aplica noutros ámbitos como o da creación publicitaria, o da animación ou o deseño de moda.

Así, ademais de fomentar a creatividade e achegar ao alumnado á lectura de banda deseñada, a proposta ofrece recursos para valoración e o fomento da mirada crítica das ilustracións que adoitan acompañar os textos.

Exit mobile version