Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada acada a unanimidade do pleno para instar á Deputación a arranxar a estrada LU-P-1901

Bernardo Niño destaca a importancia de rematar a mellora desta estrada provincial xa que é moi transitada a diario ao ser a conexión do municipio con Navia de Suarna

A Fonsagrada, 12 de abril de 2024. O estado das estradas provinciais ao seu paso pola Fonsagrada é, en moito casos, perigoso. Por este motivo, os concelleiros do PP de A Fonsagrada defenderon no pleno de onte unha moción para instar á Deputación Provincial de Lugo a rematar a estrada LU-P-1901, iniciativa que se aprobou por unanimidade de todos os grupos.

O voceiro popular, Bernardo Niño, destaca a importancia de que o PP impulsase o consenso neste eido porque esta estrada provincial “é unha das máis transitadas do noso concello” ademais de ser a vía de unión co veciño concello de Navia de Suarna. “O seu estado a día de hoxe é realmente malo, chegando en gran parte do seu trazado a ser perigoso para a integridade de vehículos e persoas, polo que para evitar algunha irreparable desgraza persoal a Deputación ten que rematar as obras de ensanche e arranxo desta estrada”, sinalou.

POLÍGONO INDUSTRIAL

Dende o PP tamén se defendeu unha moción para que o Concello de A Fonsagrada instase á Deputación a impulsar o polígono industrial comprometido para o municipio pero que non contou co apoio de PSOE e BNG.

No ano 2009, o expresidente socialista da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, anunciou o investimento de 2.5M€, dende a extinta Suplusa, para a creación deste polígono industrial da Fonsagrada, e do que nada máis se volveu a saber, excepto que “non hai nada, so silvas e maleza” o que pon de manifesto “a nula política de incentivo industrial que practican dende a Deputación de Lugo os últimos tres presidentes socialistas, co beneplático do BNG”.

A Fonsagrada precisa desta zona industrial para impulsar economicamente o municipio e para dar cabida a os proxectos que se queren poñer en marcha pero que rematan por marchar a outras localidades por falta de solo industrial.

Exit mobile version