Site icon Crónica3.com A Mariña

AFAN Burela pon en marcha un novo servizo para persoas con Alzheimer ou outras demencias en fase inicial

Burela, 14 de abril, 2025. AFAN Burela pon en marcha “Xermolo”, un novo programa de estimulación cognitiva dirixido a persoas con diagnóstico precoz de enfermidade de Alzheimer ou outras demencias.

A atención temperá ás persoas con diagnóstico precoz de alzhéimer e outras demencias, é fundamental para atrasar o avance da enfermidade e manter a súa autonomía. A pesar do aumento da prevalencia destas patoloxías, cada vez en persoas máis novas, os recursos de estimulación nas fases iniciais seguen a ser limitados, dificultando a intervención precoz. Por iso, faise imprescindible crear servizos específicos adaptados tanto á fase inicial como ás necesidades das persoas diagnosticadas antes dos 65 anos, ofrecendo atención profesionalizada e individualizada tanto ás persoas afectadas como ás súas familias, para mellorar a súa calidade de vida nun momento clave da enfermidade.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (AFAN) de Burela anuncia a posta en marcha do Programa “Xermolo”, unha iniciativa dirixida a persoas de 55 anos ou máis con diagnóstico precoz de Alzheimer ou outras demencias. O obxectivo fundamental deste proxecto é a preservación das capacidades cognitivas e funcionais das persoas usuarias mediante intervencións especializadas, favorecendo a súa autonomía o maior tempo posible e mellorando a súa calidade de vida.

O programa desenvolverase no centro que AFAN Burela ten ubicado na Rúa Camiño Real, 44, Baixo, e contará cun equipo multidisciplinar de profesionais especializados en demencias, responsables da planificación e execución das diferentes actividades. A metodoloxía de traballo incluirá exercicios de estimulación cognitiva, dinámicas específicas para reforzar a memoria, a atención e outras funcións executivas, así como, a implementación de estratexias orientadas á promoción da autonomía na vida diaria e á participación e integración social entre iguais. Ademáis, establecerase un sistema de seguemento individualizado co fin de avaliar a evolución de cada participante e adaptar as intervencións segundo as súas necesidades.

Información do programa:

Localización: Rúa Camiño Real, 44, Baixo.

Horario: Luns/Mércores/Venres (10:00h -11:30h /11:30h – 13:00h)

As persoas interesadas poden obter máis información ou concertar unha cita previa a través dos teléfonos 982 580 610/ 648 019 549 ou do correo electrónico: tics.afanburela@gmail.com
Con esta iniciativa, AFAN Burela reforza o seu compromiso coa mellora da atención ás persoas con Alzheimer ou outras demencias en fases iniciais, proporcionando un espazo de intervención estruturado, baseado na evidencia científica e adaptado ás necesidades específicas deste colectivo.

Exit mobile version