Pontón defende a sanidade pública como “conquista social” e anima á mobilización cidadá fronte ás políticas “ideolóxicas” do goberno popular
Entre os problemas destacados que está a padecer o sistema sanitario galego, sinalou que actualmente hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra, listas de espera de até 15 días para consultas de atención primaria e un aumento das mobilizacións cidadás en todo o país. “Se a sanidade está mellor que nunca, como é posible esta situación?”, cuestionou. Pontón atribúe esta crise á “incompetencia e ideoloxía” do PP, que busca “deteriorar o público para beneficiar a sanidade privada”.
A líder do BNG reivindicou a sanidade pública como unha “conquista social” e chamou a “defender o dereito á saúde para todas as persoas, independentemente da súa conta bancaria”. Exixiu ao PP que “recoñeza a realidade” e poña en marcha solucións, como a contratación de máis persoal, a mellora da atención primaria e o reforzo da saúde mental.
Pontón fixo un chamamento á mobilización. “Desde o BNG acompañamos a cidadanía que di SI á sanidade pública fronte ao PP do NON á saúde”. Para o BNG esta mobilización e o reflexo do “enorme malestar social” contra as políticas do goberno popular en Galiza.